Un Uber autónomo atropela a unha muller en Arizona

luns, 19 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Aínda que os sistemas de condución autónoma aínda non están maduros, e até o momento en todas as probas realizadas é obrigatorio que exista un humano supervisando a condución, era só cuestión de tempo de que chegase unha nova funesta, como a dun vehículo autónomo en probas de Uber, que veuse involucrado nun accidente mortal en Tempe (Arizona), o que consideran que pode ser un momento definitorio para a industria dos coches autónomos.
Ao parecer o accidente aconteceu de noite, cando unha muller cruzou a rúa mentres o vehículo estaba a circular en modo autónomo. Dende Uber aseguran que no coche estaba o condutor humano ao volante e non había ningún pasaxeiro no momento do tráxico suceso.
Aínda que un accidente deste tipo só era cuestión de tempo, o seu impacto pode ser moi grande, xa que poden provocar certa preocupación na opinión pública que reduciría o entusiasmo por esta tecnoloxía e incluso podería endurecer as xa moi restritivas normativas que hai en todo o mundo ao respecto da condución autónoma.
Aínda que xa houbo algún accidente grave con vehículos autónomos (lembremos cando hai preto dun par de anos un condutor dun Tesla Model S faleceu mentres tiña a función de Autopilot activada ao cruzarse cun tráiler) estamos ante a primeira ocasión na que a vítima é un peón, de aí que este caso sexa de tanto interese. Uber está a colaborar coas autoridades na investigación dos feitos, polo que é de esperar que nos vindeiros días teñamos máis detalles sobre o acontecido.

PUBLICIDADE