Un accesorio converte a realidade virtual en realidade mixta

xoves, 1 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Durante o ano pasado foron moitos os desenvolvedores e usuarios que se achegaron á realidade virtual con solucións como Oculus Rift e HTC Vive, e para achegar esta tecnoloxía á emerxente realidade mixta dende Stereolabs queren pór á venda en setembro un accesorio chamado ZED Mini que custará 349 dólares, e que vén a ser unha cámara 3D que permitiría mesturar a realidade virtual co noso contorno.
ZED Mini é un pequeno accesorio que integra dúas cámaras capaces de captar vídeo a 720p cun campo de visión de 110 graos, permitindo que as imaxes captadas poidan superporse ao mundo virtual que temos dentro das lentes de VR, ou sexa, que a imaxe final créase nas pantallas dos cascos de VR para PC, en vez de optar por pantallas translúcidas, o que consegue un maior campo de visión, aínda que a pouca resolución desta solución non permite que a sensación sexa moi satisfactoria.
Esta solución compatible con HTC Vive e Oculus Rift tamén é compatible cos mandos de control por movemento destas plataformas, de xeito que sería doado desenvolver aplicacións e xogos para este accesorio, aínda que queda por ver se goza do favor dos creadores de contidos, ou estes prefiren apostar unicamente polas solucións de baixo custo que promove Microsoft cun amplo abano de partners.

PUBLICIDADE