Un accesorio facilita facer streaming de videoxogos co Sony Xperia 1 IV

luns, 12 de setembro do 2022 Marcus Fernández

O smartphone Sony Xperia 1 IV quere destacar polas súas posibilidades para a produción audiovisual ao ser capaz de gravar vídeo 4K con HDR a 120 imaxes por segundo con calquera dos seus 3 obxectivos traseiros e contar cun revolucionario zoom óptico real de 85-125 milímetros, pero o seu prezo de venda de 1.399 euros fai que non sexa moi atractiva a súa compra, aínda que un novo accesorio pode facer o móbil interesante para streamers de videoxogos, xa que permitiría xogar intensivamente co móbil mentres se transmiten as partidas a través da Rede.
Falamos do Xperia Stream (QZ-GG01), accesorio que consistiría nunha especie de funda cun sistema de refrixeración que mantén un fluxo de aire continuo para regular a temperatura do móbil durante longas xornadas de xogo, un porto Ethernet para poder conectar o móbil á Rede cunha estabilidade moi superior á dunha rede sen fíos, unha saída HDMI con soporte de vídeo Full HD a 120 Hz para poder mandar o vídeo do teléfono a unha capturadora dende a que facer streaming, un conector mini-jack para poder empregar auriculares con micrófono e un porto uSB-C para poder alimentar o dispositivo.
A forma deste accesorio tamén presume dunha boa ergonomía, e inclúe software específico para poder configurar a refrixeración e tirar proveito da potencia do móbil. Tamén cómpre salientar que o sistema permite que a voz do streamer ou o chat de voz durante o xogo poidan incorporarse ás retransmisións a través da Rede.
O prezo deste accesorio no Xapón será de 23.100 iens (160 euros), estando previsto que veña incluído coa edición para xogadores do Xperia 1 IV que porán á venda en breve no mercado asiático. Descoñecemos os plans de Sony para estes produtos no mercado europeo.

Vídeo promocional do Xperia Stream

PUBLICIDADE