Un accesorio impreso en 3D pode converter o noso smartphone nun microscopio

martes, 20 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Na última década as cámaras integradas nos smartphones deron un paso de xigante, conseguindo que agora levemos no peto cámaras dunha calidade que hai pouco parecería imposible, e aínda que os usos que lles damos son para retratar escenas cotiás, un grupo de investigadores pensou que tiñan grande atractivo para usos científicos, e deseñaron un módulo impreso en 3D do que publicaron os ficheiros que permiten a súa produción, que permite converter a cámara do móbil nun microscopio, aproveitando tamén a iluminación LED do seu flash.
Converter un smartphone nun microscopio que non precisa iluminación externa pode resultar moi práctico para traballos de campo ou para localizacións remotas ás que non é posible trasladar un microscopio, de xeito que podería comprobarse a limpeza dunha mostra de auga, detectarse enfermidades ou analizar mostras de sangue para detectar parasitos. Os desenvolvedores deste accesorio constataron a súa utilidade para poder analizar esperma de gando e zooplancto.

PUBLICIDADE