Un alumno do Máster en Ciberseguridade da UDC gaña o CDO University Challenge de Telefónica

venres, 16 de novembro do 2018 Redacción

O estudante do Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade (MUNICS) da Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, Enrique Andrade González, gañou a segunda edición do CDO University Challenge de Big Data e Ciberseguridade lanzado por Telefónica. O MUNICS está organizado pola Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo) e nel colaboran o CITIC da UDC e o atlanTTic da UVigo. O investigador do CITIC, Tiago Manuel Fernández Caramés, dirixiu o Traballo de Fin de Grao co que Andrade resultou gañador.
A iniciativa estaba destinada a estudantes universitarios en último curso de grao, posgrao ou mestrado que desexasen desenvolver os seus proxectos baseados en casos reais do Chief Data Office (CDO) de Telefónica. Así, o traballo de Andrade leva por título JAWS (JavaScript Analysis for Web Security) e foi dirixido por Tiago Manuel Fernández Caramés, investigador do CITIC e profesor do MUNICS da UDC, e Marcos Arjona, da área de Innovación en Seguridade do CDO de Telefónica.
Este reto foi organizado por LUCA, a unidade de datos de Telefónica, ElevenPaths, a unidade de ciberseguridade, e liderado polo afamado hacker e experto en ciberseguridade Chema Alonso. Grazas a este recoñecemento, o premiado terá a oportunidade de traballar cunha bolsa de emprego en ElevenPaths-Telefónica para dar continuidade ao seu proxecto.
O proxecto presentouse onte na conferencia que organiza o Data Transparency Lab en Barcelona.

PUBLICIDADE