Un bot derrota aos mellores xogadores do mundo de Dota 2

luns, 14 de agosto do 2017 Marcus Fernández

A pasada fin de semana celebrouse The International 7, un torneo do xogo Dota 2 que partía cunha bolsa de máis de 24 millóns de dólares, de xeito que o equipo europeo que se fixo coa vitoria, Team Liquid, puido facerse cun total de 10.806.301 dólares tras derrotar ao equipo Newbee cun histórico 3-0, pero este feito veuse eclipsado en boa medida por unha nova de OpenAI, unha startup que conta co apoio de Elon Musk, que aproveitou o torneo para demostrar a forza do seu bot, capaz de derrotar aos mellores xogadores de Dota 2 en enfrontamentos de 1 contra 1.
Durante The International o sistema de intelixencia artificial de OpenAI bateuse no escenario con Danil Dendi Ishutin, do equipo Natus Vincere, gañando nunha partida ao mellor de tres, como tamén fixeron en privado durante a semana pasada con varios dos mellores xogadores de Dota 2 do mundo, incluíndo a Syed SumaiL (o mellor xogador 1 contra 1 a nivel mundial) e Artour Arteezy Babaev (o mellor xogador xeral de Dota 2 do mundo).
Os enfrontamentos de 1 contra 1 en Dota 2 están considerados como un xogo moi complexo (bastante máis que o xadrez ou o Weichi, xogos superados nos últimos anos polas intelixencias artificiais de IBM e Google), e os sistemas de intelixencia artificial construídos son capaces de aprender a planificar, atacar e enganar aos seus opoñentes, conseguindo actualmente que o número de accións por minuto das intelixencias artificiais sexa comparable ao dun xogador humano medio.
O interesante dos bots de OpenAI é que, en vez de imitar ou explorar unha árbore de xogo, aprenderon a xogar dende cero xogando por si mesmos, dun xeito semellante a como podería facer unha persoa, o que fai que vaian desenvolvendo intuicións sobre como actuarán os seus contrarios, o que resulta de vital importancia para este tipo de xogo.
Demostrado o éxito de OpenAI cos seus bots de 1 contra 1, queda agora crear un equipo de bots de Dota 2 que poida competir e colaborar con equipos humanos, o que é unha tarefa moito máis complexa (xa que nas partidas están involucrados 2 equipos de 5 xogadores) e, en calquera caso, estes desenvolvementos non son finalistas, senón que a aplicación da intelixencia artificial en xogos o que busca é avanzar na solución de situacións complexas nas que poidan estar involucrados seres humanos.

Vídeo no que explican o proxecto de desenvolvemento de bots para xogar a Dota 2

PUBLICIDADE