Un centenar de académicos chineses e españois debateron en Santiago sobre IA, urbanismo, patrimonio e innovación

martes, 9 de decembro do 2025 S. P.

No Auditorio do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela celebrouse o IV Foro Académico “Innovar para Transformar” organizado conxuntamente pola Unión de Estudantes e Investigadores chineses en España, a Embaixada da República Popular Chinesa en España, a Asociación dos Chineses en Galicia, a Asociación dos Chineses Universitario en Galicia e Vigo e a Xunta de Galicia. Esta actividade reuniu a unha centena de investigadores e novos estudantes da China e España, que ao longo das sesións do Foro profundaron no intercambio de ideas sobre diversos temas, como intelixencia artificial, urbanismo, protección do patrimonio cultural e innovación tecnolóxica.
A cerimonia de apertura contou coa intervención de José Antonio Constenla (coordinador académico do Foro), Han Yu (presidente da Unión de Estudantes e Investigadores Chineses de España e Galicia), Carmen Cotelo (directora da Axencia Galega de Innovación, GAIN), Juan Manuel Vieites (presidente da Confederación de Empresarios de Galicia), Antonio López (reitor da Universidade de Santiago) e de Xun Qu (ministro conselleiro da Embaixada da China en España).
No seu discurso, o reitor da USC, Antonio López, sinalou que o cambio tecnolóxico expón “profundos desafíos ao sistema educativo” e eloxiou o importante investimento e os logros da China en educación superior, expresando o seu desexo de profundar a cooperación coas universidades chinesas en investigación científica, formación doutoral e outras áreas no futuro.
Xun Qu, pola súa banda, pronunciou un discurso no que felicitou ao foro por converterse nunha importante plataforma para promover o diálogo entre a mocidade chinesa e española, como “alicerce para mellorar a cooperación bilateral en educación, cultura, ciencia e tecnoloxía”.
Trala apertura empezaron as sesións do Foro que deron comezo coa conferencia inaugural do director do Instituto Confucio da Universidade de Salamanca, o Profesor Jinjing Xu que disertou acerca de Inscricións en Ósos Oráculo e Historia da Dinastía Shang.
A continuación celebrouse unha mesa redonda que levaba por título Tecnoloxía e intelixencia artificial: motor do cambio no século XXI, que contou coa participación de Senén Barro (Ex Reitor da USC e Director do CITIUS), Yuan Gao (The London School of Economics and Political Science) e Miguel Abel (Catedrático de Dereito Penal da USC).
O conselleiro de Educación da Embaixada da China en España, Yongfeng Hou, ofreceu a Conferencia “nnovación Educativa e Cooperación Global: A Práctica e as Perspectivas da Educación en Innovación e Emprendemento na China, na que destacou que China comprometeuse de xeito firme coa incorporación da educación en innovación e emprendemento no seu sistema de formación de talento para impulsar o desenvolvemento nacional da innovación, o que situou o país asiático “entre os líderes do panorama mundial da innovación”.
Unha mesa redonda titulada Urbanismo intelixente e sostible: Cara a unha nova vida urbana permitiu o intercambio de reflexións acerca dos retos e as innovacións da planificación urbana na protección do patrimonio, a gobernanza pública e a aplicación da tecnoloxía. Contou coa presenza do concelleiro de Santiago de Compostela, José Antonio Constenla e os arquitectos Natalia Alvaredo e Ángel Panero.
Na sesión Iniciativas de Innovación, as institucións do ecosistema de innovación de investigación e empresas galegas: CESGA (Centro Galego de Supercomputación de Galicia), CITIUS (Centro de Tecnoloxías Intelixentes da USC) e a xestora de fondos de investimento Noso Capital, explicaron cadanseu eido de traballo.
Pola tarde celebrouse o Foro de Mozos Académicos, marco no cal presentáronse 15 proxectos de investigación seleccionados nas universidades de Vigo, Alcalá, Selecta, Estudos Internacionais de Shanghái (China), Carlos III, Autónoma de Madrid, Ciencias e Enxeñería de Sichuan (China), Politècnica de Catalunya, Salamanca, Pompeu Fabra e Sevilla.
Os temas abordados incluíron a interpretación médica chinés-occidental, a investigación bibliográfica, as políticas lingüísticas comparativas, a tecnoloxía de condución autónoma, a innovación en moda ecolóxica, a tradución automática, etc.