Un centenar de investidores e usuarios potenciais das nosas tecnoloxías danse cita na xornada do Clúster TIC

xoves, 19 de abril do 2018 Redacción

JPEG - 36.5 KB
Antonio Rodríguez del Corral na Xornada Tecnolóxica do Cluster TIC Galicia

Hoxe en Santiago falouse, moito ben, de novas tecnoloxías galegas para marcar un antes e un despois no devir da tecnoloxía. Ou sexa, de recursos innovadores con nomes concretos, feitos aquí, para facernos o traballo máis doado, estarmos máis comunicados ou mellorar nosa actividade empresarial. Estamos a falar da nova xornada tecnolóxica organizada polo Clúster TIC Galicia en colaboración co IGAPE, que xuntou na Cidade da Cultura un centenar de investidores e usuarios potenciais, por unha banda, e media ducia de empresas mostrando os seus achados innovadores, pola outra.

JPEG - 38.2 KB
Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria

O acto contou coa presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen sinalou que “as empresas participantes na xornada de hoxe son a mostra de que a revolución tecnolóxica xa chegou á industria galega”. Segundo lembrou a nosa terra é quinta Comunidade en número de empresas TIC. Pola súa banda, Antonio Rodríguez, presidente do Cluster TIC Galicia, puxo o foco no gran potencial do sector TIC galego, “cunha manchea de empresas con produtos innovadores dixitais listos para comercializarse a nivel mundial”.

JPEG - 47.7 KB
Sergio Hernández, director de Operacións da empresa viguesa Xesol Innovation

O encargado de abrir a rolda de presentación foi o director de Operacións da empresa viguesa Xesol Innovation, Sergio Hernández, que deu a coñecer Xesol Drive, un software avanzado de condución autónoma dotado con intelixencia artificial que identifica, rastrexa e predí as traxectorias de automóbiles, recoñece as sinais de tráfico, a posición do carril e o tipo de calzada, optimizando a experiencia do usuario e a seguridade durante un desprazamento por estrada. Hernández tamén aproveitou a ocasión para presentar un programa que é quen de detectar a fatiga e as distraccións do condutor, un sistema que sairá á venda en datas vindeiras.
Tras a súa intervención, o director executivo (CEO) da empresa de software Tecalis, Isidoro Martínez, un dos seus co-fundadores, Alberto Campos, e a súa directora de Desenvolvemento Corporativo, Berta Caro, debullaron o seu caso de éxito á hora de garantir cunha aplicación propia unha meirande seguridade nas sinaturas electrónicas empresariais, a través de tecnoloxía blockchain. Segundo lembraron no acto da Cidade da Cultura, Tecalis é responsábel da plataforma Signen, unha tecnoloxía de seu que permite asinar acordos entre dúas ou máis persoas a través de diferentes xeitos, algúns deles tan innovadores como os formatos de audio ou de vídeo.

JPEG - 49.8 KB
Gregory Botanes, director xeral de Situm

O sector audiovisual veu representado por Cinfo, que mostrou a súa innovadora tecnoloxía multicámara na nube, que permite ao espectador seleccionar as imaxes que desexa ver durante a retransmisión dun evento, xa sexa deportivo, cultural, etc. Asemade, Councilbox afondou no seu sistema para achegar seguridade xurídica a xuntanzas virtuais ou presenciais, como consellos de administración ou xuntas de accionistas, de forma automatizada.
Durante o evento déronse a coñecer tamén novas fórmulas para xestionar os procesos empresariais, como o sistema de xestión para a industria alimentaria de AVA, a tecnoloxía de intelixencia nos negocios de Ozona, a de xeolocalización en interiores de Situm e a plataforma de gamificación Dogoplay de Cleventy.

PUBLICIDADE