Un centenar de mulleres fórmanse en alfabetización dixital na sede de Compostela Monumental

mércores, 22 de marzo do 2023 S. P.

A Asociación de Empresarios Compostela Monumental puxo en marcha unha actividade para capacitar tecnoloxicamente ás mulleres desempregadas do concello e a súa contorna, con vistas a mellorar os seus currículos e a súa empregabilidade. Trátase do curso Alfabetización Dixital, integrado no seu Programa Integrado de Emprego, no que participan máis de 100 alumnas que están a ser formadas, orientadas, asesoradas en materia tecnolóxica e ás que os comerciantes da zona histórica buscan traballo nos/nos sectores do comercio, lecer e servizos.
O obxectivo do curso, que imparte a técnica de Emprendemento de Compostela Monumental, Teresa Martínez Álvarez, é que as participantes aprendan a manexar con destreza as aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación así como as aplicacións informáticas máis usadas nas redes da Internet.
Son un total de 25 horas formativas presenciais que teñen como escenario a sede de Compostela Monumental na rúa Algalia de Arriba 31, ata o 24 de abril, en horario de 16.30 a 19.30 horas.
A Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, por medio da Dirección Xeral de Formación e Colocación, colabora e financia este Programa de Compostela Monumental.

PUBLICIDADE