Un centenar de pemes beneficiaranse dos programas de transformación que achega a Cámara da Coruña

venres, 23 de outubro do 2020 S. P.

Até cen empresas van participar nos programas de transformación tecnolóxica impulsados dende a Cámara de Comercio da Coruña, que son InnoCámaras, Competitividade Turística, TICCámaras, Ciberseguridade e Apoio ao Comercio Comerciante polo miúdo 2020, que foron quen de cubrir na súa totalidade as prazas dispoñíbeis. De feito, recibiron até a data máis de 240 solicitudes de pemes e persoas autónomas interesadas en tirar proveito das novas ferramentas para incrementar mercados, competitividade e eficiencia. Os cinco programas están co-financiados polo fondo europeo FEDER da Unión Europea, como medida de apoio para facer fronte ao impacto económico da COVID-19.
Por unha banda, o programa Innocámaras, no que participarán 26 pemes da área coruñesa, está deseñado para contribuír á mellora da competitividade das pequenas e medianas empresas mediante a adopción de metodoloxías que permitan incorporar a innovación de modo sistemático á súa actividade habitual.
O programa de Competitividade Turística, no que participarán 11 empresas, ten como obxectivo principal contribuír á mellora competitiva do sector turístico, a través de medidas que establezan as bases axeitadas para o seu desenvolvemento, fomentando a adopción da cultura da innovación e o uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
Pola súa banda, 26 empresas participarán no programa TICCámaras, co que a Cámara achega solucións para mellorar a competitividade dos negocios a través da incorporación de novas tecnoloxías, como ferramentas de produtividade na nube, comercio electrónico ou mercadotecnia dixital.
Son 10 as empresas que participarán no programa Ciberseguridade 2020, centrado no desenvolvemento de plans de apoio á integración das tecnoloxías de protección de datos e comunicacións nas pemes. O programa inclúe unha primeira fase de servizos de diagnóstico asistido en ciberseguridade e unha segunda de axudas para a implantación. Esta actuación ten como obxectivo principal impulsar o uso seguro e fiábel do ciberespazo, protexendo os dereitos e as liberdades dos cidadáns e promovendo o progreso socio económico, así como maximizar as oportunidades que ofrecen para mellorar a súa produtividade e competitividade.
Até a data, 15 empresas xa se inscribiron no programa de Apoio ao Comercio polo miúdo a través do cal a Cámara ofrece diagnósticos individualizados mediante unha análise sistematizada do establecemento, proporcionando ao comerciante unha serie de recomendacións para a renovación e optimización da xestión do seu establecemento.

PUBLICIDADE