Un centenar de técnicos de concellos participaron na xornada do CPEIG sobre protección de datos

venres, 23 de marzo do 2018 Redacción

Fernando Suárez na apertura da xornada celebrada en Santiago

Achegar información de utilidade sobre os cambios inminentes en materia de regulamento sobre salvagarda de información persoal e privacidade, facendo fincapé en como atinxen estes cambios ás administracións. Este foi un dos grandes obxectivos do evento celebrado hoxe polo Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), unha xornada técnica e divulgativa que foi inaugurada pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, o vicepresidente executivo da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Manuel Mirás, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. O obxectivo da xornada, máis en detalle, foi botar luz sobre o impacto do regulamento xeral de protección de datos sobre a actividade dos concellos e outras administracións públicas. A actividade, que se celebrou esta mañá no edificio CERSIA de Santiago, contou coa colaboración da FEGAMP e AMTEGA e a presenza dun centenar de técnicos.
Na xornada abordouse a cuestión da importante responsabilidade das administracións públicas, incluídas por suposto as locais, no que se refire á información dos cidadáns. Así, lembrouse aos presentes que os concellos e as restantes entidades públicas son “responsábeis e encargadas de tratamentos de datos persoais no desenvolvemento de moitas das súas actividades”, polo que o Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD), que será de aplicación a partir do 25 de maio, implicará un gran esforzo de adaptación de todas as partes implicadas (cidadáns, empresas, entidades públicas), atinxindo de cheo ás administracións locais.
En palabras de Fernando Suárez, “o novo regulamento de protección de datos suporá unha garantía adicional e seguridade para os cidadáns, especialmente nas súas relacións electrónicas. Isto supón un reto para concellos e resto de administracións públicas que terán que facer un gran esforzo para adaptarse a esta normativa de alcance europeo. Entre as principais novidades destacan a realización dunha análise de riscos, o consentimento verificábel para a obtención de datos de carácter persoal e a creación da figura do delegado de protección de datos”, indicou o presidente do CPEIG, que engadiu que o colexio confía que este regulamento “supoña tamén un punto de inflexión de cara á concienciación da necesidade dunha regulación profesional, xa que é obvio que asuntos críticos como a seguridade xurídica e física das persoas deben ser garantidos por profesionais coas competencias e coñecementos acordes á súa responsabilidade”.
Na súa intervención, Manuel Mirás destacou que os concellos “somos os primeiros que temos que aplicarnos o conto e ser máis esixentes con nós mesmos e cos nosos veciños” á hora de cumprir a lei en calquera materia. “Non só temos que mellorar nós, as demais administracións tamén teñen que esforzarse e apoiarnos economicamente, informarnos, axudarnos coas estratexias de cambio de mentalidade, ofrecernos campañas informativas, pero sobre todo non darnos máis competencias sen acompañalas dunha memoria económica que clarifique os gastos e quen se fará cargo deles”.
O tamén alcalde de Oroso indicou que desde a FEGAMP, amais de “pedir vehementemente a necesidade de aclarar os ámbitos competenciais e de facer orzamentos de custo dos servizos”, decidiuse “apoiar aos concellos nesta época de cambios con formacións en diferentes materias”, e por iso tan só no mes de marzo a entidade organizou varias xornadas formativas dirixidas aos concellos e aos seus representantes e técnicos/as.
Polo que se refire a Mar Pereira, salientou na inaguración que a nova normativa obriga ás administracións a xerar un clima de confianza cos cidadáns no actual contexto dixital e que tamén contribuirá a concienciar á sociedade sobre a importancia de xestionar de maneira axeitada a súa privacidade na Rede e nas súas relacións online con empresas e entidades públicas. Mar Pereira fixo fincapé na complexidade que supón a adaptación ao novo regulamento, especialmente para as entidades de menor tamaño como os concellos e avanzou as liñas que está a seguir a Xunta para cumprir co RXPD.
Na cita tamén participaron o profesor de Dereito Constitucional e director do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG-USC), José Julio Fernández; a directora Xeral de UNIVE Avogados, Carmen Cas; o xefe do departamento de Seguridade en Amtega, Gustavo Herva; e o doutor en Dereito e director do Master Protección e Tratamento de datos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Daniel Neira.

PUBLICIDADE