Un certame da AGASP convida á rapazada galega a animar aos axentes policiais

xoves, 2 de abril do 2020 Redacción

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) convocou un concurso de debuxos para todos os escolares da nosa terra, co fin de extraer o seu talento estes días de Estado de Alarma e estadías nos fogares. A finalidade deste concurso online é que “poidan amosar o agradecemento aos corpos e forzas de seguridade”, e que mediante o debuxo transmitan ánimos á Policía Nacional, á Policía Local, á Policía Autonómica e á Garda Civil. A temática é libre e a través do certame poderase plasmar nun deseño o que a rapazada queira trasladar aos axentes. O único requirimento é ligar o envío ao cancelo #ConVosEstamosSeguros.
Poderán participar neste concurso todos os nenos e nenas de Galicia. Haberá categorías segundo o nivel educativo. Deste xeito, establécense 6 premios, un para Infantil, dous para Educación Primaria, por unha banda os nenos de 1º a 3º e, por outra banda, os de 4º a 6ª, e o mesmo cos estudantes da ESO, haberá dúas categorías, os rapaces de 1º e 2º e por outra banda os de 3º e 4º. E finalmente os estudantes de Bacharelato que igual que os de Infantil teñen cada un, unha categoría.
Os galardóns de cada unha das categorías consisten en que cada crianza gañadora poida facer xunto a toda súa clase unha visita guiada á Academia, onde tamén están recibindo formación os policías e gardas civís, pudendo participar nalgunha das clases e coñecer aos axentes.
Poderá presentarse unha obra por concursante en tamaño A4, realizada en calquera modalidade, con lapis, tinta china, estilográfica, rotuladores, pinturas, ceras. O prazo de presentación dos debuxos comeza este venres 3 de abril e remata o vindeiro venres 17 do mesmo mes. Os debuxos poderán ser remitidos á Academia mediante unha foto do mesmo que se pode mandar por correo electrónico ao seguinte enderezo formacion.agasp@xunta.gal, indicando o nome completo do neno ou nena, o nivel educativo ao que pertence, así como o colexio ao que asiste.

PUBLICIDADE