Un congreso internacional reivindicará o talento disruptivo feminino o 6 e 7 de febreiro na UDC
martes, 4 de febreiro do 2025
A 9ª edición de Inspiring Women Leaders in the Digital Era, iniciativa liderada por Teresa Alarcos, presidenta e fundadora de W Startup Community, e un equipo promotor galego comprometido coa innovación e o emprendemento feminino, celebrarase os días 6 e 7 de febreiro na Reitoría da Universidade da Coruña (UDC).
Segundo explica o CPEIG, colaborador do evento, este naceu “coa misión de dar visibilidade ao talento innovador feminino, inspirar novas vocacións en tecnoloxía e unir iniciativas locais e internacionais co mesmo propósito”. Ademais, será “un espazo de aprendizaxe e debate”, converténdose “nunha plataforma única para facer negocios, conectar con investidores e transformar ideas en proxectos reais”.
Xunto a Teresa Alarcos, esta edición foi impulsada desde Galicia por Pilar Vila, experta en ciberseguridade, directora executiva (CEO) de Forensic & Security e vogal do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG); Noela Burés, fundadora de Qualinnova e especialista en innovación sostible; e Fernando Suárez, presidente do CPEIG e do Consejo General de Colegios de Ingeniería Informática de España.
Este equipo traballou para que Galicia se converta en epicentro do liderado feminino en tecnoloxía, conectando a empresarias, inversores e profesionais da innovación con redes globais de financiamento e emprendemento.
Un programa con líderes empresariais e oportunidades de investimento
Durante dous días, o evento reunirá a altos directivos, investidores e emprendedoras de primeiro nivel como José María Galofré, CEO de Volvo Car España, Beatriz Mato Otero, conselleira executiva en Greenalia, Cristina Carrascosa, avogada especializada en blockchain e CEO de ATH21, Yael H. Oaknin, co-fundadora de TokenCity, experta en tokenización, Luz Usamentiaga, directora de Regulación e Sustentabilidade en MasOrange e presidenta da Fundación Euskaltel., Patricia González, Manager de Xtech Investment, Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e Frederic Fernández, cofundador e CMO de Dextools.
O programa abordará tendencias clave como a Intelixencia Artificial Xenerativa e a sustentabilidade, o investimento de impacto e oportunidades no mercado dixital, a tecnoloxía da cadea de bloques (Blockchain) e a tokenización como motores do cambio, a ciberseguridade no mundo empresarial e as prácticas globais para reducir a brecha dixital de xénero.
Ademais, o programa incluíra por vez primeira unha sesión de pitch de novas firmas innovadoras (startups), onde emprendedoras poderán presentar os seus proxectos ante inversores e fondos de capital. Este espazo está deseñado para facilitar o financiamento de ideas innovadoras e acelerar o seu crecemento en el mercado.
Ademais do seu enfoque na tecnoloxía e o liderado, Inspiring Women Leaders in the Digital Era é un evento carbono neutral, reafirmando o seu compromiso coa sustentabilidade.
Concluirá cun cóctel de networking e unha recepción oficial no Concello da Coruña.
Fundado por Teresa Alarcos, este evento converteuse nunha das citas máis influente en liderado feminino e innovación. A través de W Startup Community e o equipo promotor galego, o foro conecta talento, investimento e tecnoloxía para xerar impacto social e económico.
As inscricións están abertas en Evenbrite.