Un contrato de vida dixital promove o uso responsable da tecnoloxía nas aulas

xoves, 30 de abril do 2026 Redacción

A Xunta de Galicia deu a coñecer, en vésperas do Día Internacional Contra o Acoso Escolar, o novo Contrato de Vida Dixital, unha proposta pioneira destinada a fomentar un uso responsable da tecnoloxía entre o alumnado galego mediante a implicación directa das familias e dos centros educativos.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, presentou esta ferramenta nunha visita ao Instituto de Pontepedriña, en Santiago de Compostela. O instrumento, desenvolvido ao abeiro do Plan de benestar dixital, integra o conxunto de medidas impulsadas pola Consellería para facer fronte aos desafíos derivados do uso das tecnoloxías no ámbito educativo e mellorar a convivencia. No centro compostelán formalizouse de maneira simbólica a primeira sinatura do contrato entre un alumno, o seu pai e o propio instituto.
Rodríguez subliñou que o acordo, de carácter voluntario, baséase nun modelo de corresponsabilidade no que alumnado, familias e profesorado asumen compromisos compartidos para regular o uso dos dispositivos electrónicos, especialmente fóra do horario escolar. A súa aplicación canalizarase a través dos titores, que proporán este pacto ás familias co obxectivo de acadar a adhesión conxunta do alumnado de cada aula.
O conselleiro incidiu en que a eficacia da iniciativa dependerá dunha implicación coordinada de toda a comunidade educativa. A ferramenta pretende facilitar ás familias a tarefa de establecer límites, ao ofrecer un marco común que reduza as dificultades individuais á hora de fixar normas. Unha maior concienciación sobre o uso dos dispositivos contribúe ao benestar e á mellora da convivencia, ao tempo que reforza a prevención do ciberacoso, unha problemática que require tolerancia cero por parte da sociedade.
O Contrato de Vida Dixital configúrase así como un instrumento práctico para trasladar ao día a día un compromiso colectivo cun uso consciente, equilibrado e seguro da tecnoloxía. A iniciativa inclúe tamén un seguimento do uso dos dispositivos e accións formativas dirixidas ás familias, co propósito de mellorar o acompañamento educativo e fomentar a responsabilidade e a autorregulación do alumnado.
O documento incorpora obrigas e cláusulas específicas para cada unha das partes implicadas, segundo explicou o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela José Julio Fernández, encargado de presentar o seu contido. Fernández, exvaledor do Pobo, participou no grupo de traballo que deseñou o Plan de benestar dixital xunto con especialistas de ámbitos como a docencia, a pedagoxía, a psicoloxía, a tecnoloxía ou a medicina.
O alumnado adherido comprométese a facer un uso seguro e responsable dos dispositivos, evitar a difusión de contidos alleos sen permiso, manter unha linguaxe respectuosa nas redes, cumprir cos horarios de desconexión, non empregar a intelixencia artificial de forma fraudulenta e comunicar situacións inapropiadas ao titor. As familias deberán establecer límites, acompañar o uso da tecnoloxía e informar ao centro de posibles incidencias. Pola súa banda, os centros educativos asumirán a tarefa de ofrecer formación sobre uso seguro, promover o pensamento crítico, empregar ferramentas con garantías e activar protocolos fronte ao ciberacoso, garantindo ademais a confidencialidade das comunicacións.
O período de vixencia do contrato e as consecuencias do seu incumprimento serán definidos por centros e familias e recolleranse nun anexo no momento da súa sinatura.
Esta medida intégrase no Plan de Benestar Dixital 2030, dotado cun investimento de 7,4 millóns de euros, que aposta por equilibrar o uso da tecnoloxía coa saúde emocional e o desenvolvemento persoal do alumnado. Entre as súas accións inclúense programas de desconexión, alfabetización mediática e iniciativas para analizar o impacto da intelixencia artificial.
No deseño deste plan participaron profesionais como Antonio Rial Boubeta, Susana Rey García, María Dolores Fernández Tilve, Fernando Suárez, Susana Lamela e Marta Barrios, entre outros especialistas de distintos ámbitos.
A Xunta mantén ademais en exposición pública o Anteproxecto da Lei de Educación dixital de Galicia, un marco normativo pioneiro no Estado orientado a reforzar a protección do alumnado fronte aos usos indebidos da tecnoloxía, incorporando cuestións como a protección de datos e o uso ético das ferramentas dixitais.
O Goberno galego está tamén a reforzar as accións a prol da convivencia nos centros educativos mediante iniciativas incluídas no Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar. Entre elas figuran a actualización do protocolo de prevención e intervención, a instalación de Puntos Laranxa de denuncia, a creación dos Equipos ACAE para actuar ante calquera sospeita, o Termómetro de Alerta Escolar para detectar problemas de convivencia e a posta en marcha da Rede de Concellos contra o Acoso Escolar para mellorar a coordinación institucional.