Un curso en liña forma en ferramentas dixitais orientadas ás entidades de economía social

mércores, 3 de agosto do 2022 Redacción

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Rede Eusumo, está a impulsar un curso en liña co fin de ofertar ás entidades de economía social un kit dixital de ferramentas útiles para o seu funcionamento. A acción formativa ten carácter gratuíto e está dirixido a todo o público en xeral, especialmente ás persoas desempregadas e as traballadoras ou socias de entidades de economía social de Galicia.
A actividade terá unha duración de 40 horas e se estenderán desde o 8 de ata o día 31 do mesmo mes. O obxectivo pasa por ofertar aos participantes, de forma sinxela e simple, información sobre as principais ferramentas para facilitar a xestión das entidades de economía social, o traballo colaborativo e a organización interna.
Esta iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén as inscricións abertas para todas aquelas persoas interesadas até o vindeiro 7 de agosto a través dun formulario en liña.
O programa aborda ferramentas dixitais en case todos os ámbitos da entidade, dividindo os contidos en cinco módulos principais. O alumnado comezará por coñecer aquelas ferramentas útiles para a organización empresarial interna, desde a optimización de arquivos ata a automatización de procesos.
Gran parte da formación céntrase en recursos para a comunicación cara o exterior: venda en liña, redes sociais, deseño de elementos corporativos e xeración de vídeos. Ademais, os contidos tamén inclúen un apartado especial dedicado á comunicación entre entidades, a través de videochamadas e reunións virtuais, para favorecer e impulsar a rede de entidades de economía social en Galicia.

PUBLICIDADE