Un de cada tres maiores de 75 anos xa usa Internet a diario
martes, 19 de maio do 2026
A operadora Adamo vén de compartir datos sobre a evolución positiva do uso das novas ferramentas tecnolóxicas entre a poboación sénior, unha franxa de idade que ten un especial protagonismo entre a súa clientela, xa que Adamo é unha operadora moi envorcada no rural (no rural de Lugo xa está preto de cubrir o 90% dos concellos coa súa rede ultrarrápida de alta velocidade, abranguendo máis de 100.000 fogares xa).
Adamo lembra que os datos demostran que “as persoas maiores non queren quedarse atrás na súa incorporación á tecnoloxía” e que así o constatan os máis recentes datos ofrecidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE), relativos a 2025 e que Adamo analizou con motivo do Día da Internet, celebrado o pasado domingo, 17 de maio.
Deste xeito, un de cada tres maiores de 75 anos xa utiliza Internet a diario, tal e como indican desde o INE. Ademais, a porcentaxe dispárase ao 83% na franxa de entre 65 e 74 anos.
Adamo recolle da información do INE que máis do 96% da poboación de 16 a 74 anos conectouse nos tres últimos meses (0,5 puntos máis que en 2024) e o 92,5% usouno acotío, ou sexa a diario (1,0 puntos máis). Pola súa banda, case o 60% mercou por Internet nos tres últimos meses por motivos particulares, 2,9 puntos máis que na enquisa anual precedente.
Por sexo, as mulleres presentaron porcentaxes lixeiramente superiores aos homes: 0,4 puntos máis no uso da internet nos tres últimos meses, 1,5 puntos máis no uso diario e 1,1 puntos máis nas compras en liña.
As comunidades autónomas con maior porcentaxe de usuarios da internet e de persoas que compraron na Rede nos tres últimos meses foron a Comunidad de Madrid (98% e 65%, respectivamente), Cataluña (case o 98% e 65% en cada caso) e Baleares (máis do 97% e preto do 64% en cada campo), segundo consta no estudo do INE que destaca Adamo.
Adamo co rural
A operadora aproveitou a celebración do Día de Internet para referendar o seu compromiso co rural, envorcando esforzos para lograr que a conectividade das vilas e aldeas poida aproximarse, ou mesmo poida igualarse, á que existe nas cidades.
A compañía xa ten conectados á súa rede de fibra óptica máis de 3,2 millóns de fogares de 2.400 municipios -preto de 1 de cada 3 concellos españois-, despregando máis de 70.000 quilómetros de fibra, sobre todo en localidades rurais da práctica totalidade das comunidades autónomas peninsulares.
Ademais, o obxectivo de Adamo non só é reducir a fenda dixital entre as zonas máis rurais e illadas e as áreas urbanas, “senón tamén facelo de maneira sostible, respectando e apoiando a contorna no que opera”.
