Un dispositivo achegará aos norteamericanos a tecnoloxía de Google TV por 99,99 dólares

martes, 26 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Aínda que o mercado mundial de televisores estea liderado por Samsung, co 26% de cota, se imos aos EE.UU. atopamos que unha marca descoñecida en Europa, VIZIO, é a que encabeza o sector co 18,5% do mercado (conseguindo tamén moi boas vendas noutros produtos de electrónica de consumo como barras de son e outras tecnoloxías de televisores planos); e esta compañía sorpréndenos agora, que está a desembarcar Google TV en Europa, cunha solución nesta dirección: o VIZIO Co-Star Stream Player.
Estamos ante un accesorio para televisores en alta definición que os converte en intelixentes, permitíndolles navegar pola web (con soporte de HTML5 e Flash Player), acceder a aplicacións e incluso consumir contidos audiovisuais en liña, empregando como complemento ideal un mando a distancia Bluetooth universal cun touchpad e un teclado completo (semellante aos que emprega Sony nos seus produtos Google TV), todo por un prezo de só 99,99 dólares (80,03 euros) aceptándose pedidos para o mesmo a partir do mes de xullo (con portes de balde como oferta de lanzamento).

A este streamer con tecnloxia de Google non lle falta un porto USB para conectar discos duros ou outros accesorios

Pero esta oferta dispoñible nos EE.UU. aínda é máis atractiva do que pode parecer a primeira vista, pois aparte de poder achegar vídeos de Netflix, Amazon ou YouTube ao televisor, o trebello tamén é compatible co servizo de videoxogos baixo demanda OnLive (só dispoñible nalgunhas partes dos EE.UU.) o que permitiría gozar de videoxogos cun nivel gráfico semellante ao das consolas domésticas actuais mediante streaming (ou sexa, que os títulos poden mercarse ou alugarse, gozándose dos mesmos a través da Rede en vez de empregar unha consola tradicional para executalos).
Ao VIZIO Co-Star Stream Player non lle faltan Wi-Fi N, porto USB (para conectar discos duros, teclados e outros periféricos) e compatibilidade con DLNA (o que facilita o acceso a contidos multimedia almacenados en ordenadores, tablets ou móbiles que conten con tal tecnoloxía, facilitando a súa visualización no televisor).

PUBLICIDADE