Un dos fundadores de WhatsApp crea unha fundación para garantir o futuro de Signal

xoves, 22 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Hai un par de anos WhatsApp contratou os servizos de Open Whisper Systems para integrar o protocolo Signal nas comunicacións da súa plataforma de mensaxería, garantindo a seguridade do cifrado de extremo a extremo, e agora parece que o compromiso de WhatsApp ía máis aló do comercial, segundo pode reflectirse do feito de que Brian Acton, cofundador de WhatsApp (aínda que actualmente fóra de Facebook), achegou 50 millóns de dólares para lanzar a Signal Foundation, entidade que fará sustentable Signal e a súa misión de facer posible comunicacións privadas accesibles e ubicuas.
Esta inxección económica será claramente unha axuda para Signal, que poderá establecer obxectivos a longo prazo sen ter que preocuparse pola súa rendibilidade económica, podendo manter así o seu espírito libre e de contribución ao ben común.
Acton quixo unir forzas con Moxie Marlinspike (fundador de Open Whisper Systems) para responder á necesidade global de protexer a información en liña, o que aseguran que non é un problema só de cidadáns de certos países, senón que afectaría a calquera persoa que desexe manter a súa intimidade e os seus datos protexidos cando se comunique por canles electrónicas. Marlinspike será o director xeral da nova entidade sen ánimo de lucro, mentres que Acton ocupará a dirección executiva.

PUBLICIDADE