Un dron con tecnoloxía ITG transporta con éxito subministracións médicas entre dous hospitais madrileños
xoves, 18 de setembro do 2025
Os hospitais madrileños de La Paz e Carlos III foron testemuñase este mércores 17 de setembro dunha demostración de transporte de material sanitario mediante un voo de dron entre ambos os centros, separados por unha distancia de 1,5 km por estrada e que durou 3 minutos, a metade do tempo estimado por vía terrestre. Esta proba enmárcase en U-Elcome, a iniciativa europea coordinada por EuroControl e levouse a cabo grazas a tecnoloxía U-Space para xestionar operacións de drons en espazo aéreo provista polo centro tecnolóxico ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia).
O voo despegou da azotea dun dos edificios do complexo hospitalario Carlos III e atravesou zonas axardinadas, edificios hospitalarios e calzadas, nas que se cortou o tráfico durante o voo demostrativo. Para rematar, aterrou na azotea dun dos edificios do complexo hospitalario de La Paz.
“Esta experiencia aérea forma parte da nosa actividade no sector sanitario, que tamén realizamos en Galicia, onde traballamos con hospitais como o da Coruña ou desenvolvemos algoritmos para optimizar o reparto de medicinas en contornas rurais”, sinalou Analía López Fidalgo, directora de Sistemas Aéreos No Tripulados de ITG.
O piloto do dron, da empresa Bluenest by Globalvia, utilizou os servizos U-Space desenvolvidos por ITG para, en todo momento, coñecer a posición do seu dron e doutros posibles drons próximos; dispoñer dun plan de voo definido e recibir alertas de aviso de por se o dron saía do roteiro marcado.
Desta forma, a plataforma de ITG, denominada Daliah, facilitou a integración segura, sostible e eficiente dos vehículos aéreos no espazo aéreo.
Pola súa banda, Enaire, como provedor de servizos de información común (CISP), ofreceu a información de espazo aéreo necesaria para que ITG puidese prestar os seus servizos U-Space.
Para o centro tecnolóxico galego, “este exercicio, levado a cabo en Madrid como parte da Semana Europea da Mobilidade, demostra a viabilidade de operacións de transporte de material sanitario mediante drons nunha contorna urbana”. Ademais, engade o ITG, “realizar este voo urbano nun corredor aéreo entre hospitais e con tecnoloxía dixital U-Space axuda a reducir o risco tanto en aire como en terra, ao aplicar múltiples medidas de seguridade como son a utilización dun paracaídas, un sistema de terminación automático de voo (FTS), un sistema de contención que permite tomar medidas que sexan necesarias para reducir os riscos, evitando calquera dano, xa sexa persoal ou material”.
U-Space
No marco do Ceo Dixital Europeo, a Unión Europea desenvolveu o concepto de U-Space como un conxunto de servizos dixitais e procedementos específicos destinados a permitir unha xestión segura, eficiente e automatizada do uso de vehículos aéreos non tripulados, especialmente en zonas con alta densidade de tráfico aéreo ou próximas a aeroportos.
Neste contexto, Enaire foi designada Provedor Único de Servizos de Información Común (CISP) en España, converténdose así en ponte entre os servizos tradicionais de navegación aérea e os novos operadores dixitais de drons. A través da súa plataforma U-Space, Enaire facilita o intercambio de datos esenciais, asegurando unha coordinación fluída e segura do espazo aéreo nas áreas onde se aplica o U-Space.
“Este voo marca un fito nas operacións con drons na Comunidad de Madrid, demostrando que estas aeronaves poden xerar un beneficio para a sociedade en materias como a mobilidade sostible urbana ou a capacidade de resposta ante emerxencias sanitarias”, sinalou Rodrigo Benedit Pascual, técnico do Departamento de Desenvolvemento de Negocio de Drons de Enaire e coordinador técnico do proxecto U-Elcome en España que engadiu que “os servizos U-Space xogan un papel fundamental neste tipo de operacións, permitindo realizalas de maneira segura e sen interferir co resto dos usuarios do espazo aéreo” .
