Un dron de Intel participa no concurso de mates da NBA

luns, 20 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Durante o célebre concurso de mates da NBA o xogador dos Orlando Magic, Aaron Gordon, conseguiu grande atención ao iniciar a súa participación na competición cun mate asistido por un dron de Intel, que foi o que liberou o balón para que o xogador puideran recollelo para encestar cun espectacular salto que precisou de varios intentos, polo que non estivemos ante a mellor das intervencións da noite e, de feito, Gordon quedou en última posición.
A nai de Gordon é unha traballadora de Intel, e parece ser merecedora do mérito desta curiosa idea, xa que até o momento a ninguén se lle ocorrera que a asistencia para un mate fose efectuada dende un vehículo aéreo non tripulado.
A intervención do dron non tivo realmente ningún impacto na realización do mate, sendo simplemente unha curiosidade para chamar a atención, permitindo que o propio Gordon saíse a escena pilotando o vehículo aéreo e demostrando unha vez máis que este tipo de trebellos voadores están cada vez máis presentes en espectáculos televisados ou con grandes audiencias.

Vídeo oficial da NBA no que podemos ver ao dron de Intel que realizou a asistencia a Aaron Gordon

PUBLICIDADE