Un encontro abordará como atraer e reter talento feminino no sector tecnolóxico
luns, 27 de outubro do 2025
Este martes, o Centro de Investigación atlanTTic da Universidade de Vigo organiza a xornada Talento TIC e igualdade, un encontro aberto á comunidade universitaria que busca reflexionar sobre os retos na captación e retención de talento no sector tecnolóxico, especialmente no ámbito das TIC, onde a fenda de xénero continúa a ser unha realidade persistente.
A actividade desenvolverase no Espazo INCUVI, no campus de Vigo, entre as 11:00 e as 13:00 horas. O programa inclúe unha presentación institucional a cargo de Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic, Mar Fernández Cendón, técnica superior da Unidade de Igualdade da UVigo, e Ara Núñez Montenegro, enlace de Igualdade do propio centro. A continuación, celebrarase unha mesa redonda moderada por Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento da universidade, na que intervirán Cristina Martín Vázquez, directora de Talento e Persoas en Optare Solutions; Juan Fernández-Ventura Pazos, xestor de Talento en Balidea; e Leticia Costas, consultora de innovación e directora xeral de Kidcode.
A xornada pretende ser un espazo de diálogo e intercambio sobre as barreiras que dificultan a incorporación e permanencia das mulleres no sector TIC, así como sobre as estratexias que poden favorecer unha maior igualdade de oportunidades. Ao remate do encontro, ofrecerase un coffee break para fomentar a interacción entre as persoas asistentes. A participación está aberta mediante inscrición previa a través da web de atlanTTic.
