Un ensaio que convida ao debate sobre a IA gaña o Premio Ramón Piñeiro

venres, 3 de outubro do 2025 S. P.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García participou este venres 3 de outubro na presentación do libro de investigación Ser humanos, de Pilar Casal, coa que acadou o XXIII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, convocado pola Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co apoio de Caixa Rural Galega.
García enxalzou o galardón como “referente da creación e a divulgación crítica, amena e de calidade de temas de actualidade”, ademais de salientar o emprego “do galego como lingua de divulgación”.
No caso concreto da obra gañadora desta edición, moi centrada no contexto actual da IA, destacou a súa capacidade de “abrir o debate, diálogo e reflexión sobre un tema tan actual como é o noso papel individual e social no mundo globalizado e interconectado no que convivimos”.
Valentín García compartiu co xurado, composto por Grial Parga, Rocío Carolo, Marta Neira, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, o “alto valor desta obra” polo “carácter actual e humanista, nunha sociedade na que nos é imprescindñibel a convivencia coas novas tecnoloxías". Ademais, amosouse convencido de que, a raíz deste traballo, “abrirase un diálogo frutífero respecto ás novas tecnoloxías e desde un tratamento tan necesario como é a transversalidade”.
En canto á autora gañadora, Pilar Casal, é funcionaria de profesión, licenciada en dereito e ten colaborado con diversas iniciativas de creación en materia de artes vivas. Ademais, é filla de Benxamín Casal, galeguista histórico, director da Editorial Galaxia e unha figura central do galeguismo.
Nova convocatoria
Cómpre lembrar que a nova edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio xa está convocada. Poderán presentarse traballos ata o 15 de novembro, aínda que a decisión do xurado darase a coñecer no mes de decembro. Os orixinais deben ser inéditos e escritos en lingua galega, ademais o autor ou autora non pode ter sido distinguidos nas últimas cinco convocatorias do certame.
O Premio, que vai xa pola súa vixésimo quinta edición, convócase a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio.
O certame acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria deste intelectual, figura central do galeguismo, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.
Ficha de Ser humanos (Galaxia)
O libro preséntase baixo a seguinte premisa: a estendida idea de que a Intelixencia Artificial e a máquina van conquistar o mundo e a posición de derrota ao que nos aboca esta idea.
O obxectivo deste ensaio é abrir o debate, convidar ao diálogo e á reflexión persoal. Por este motivo lanza entre outras as seguintes preguntas: Que significa ser humano? Non sería preferible seguir sendo seres humanos, afondar na nosa natureza e levala a un nivel superior, en lugar de desafiala e empobrecela?
O ensaio lémbranos que atesouramos “habilidades moi valiosas e intrinsecamente humanas que non deben quedar obsoletas e que son, por tanto, as mellores aprendizaxes para responder á incerteza, ao cambio constante da nosa contorna e á complexidade dun mundo globalizado e interconectado”.
“Hai algo onde a tecnoloxía non nos superará: na nosa humanidade”, dise no ensaio.