Un equipo da EE Forestal da UVigo usa as novas tecnoloxías para o control das especies arbóreas invasoras
venres, 8 de novembro do 2024
Prever a evolución das especies arbóreas invasoras é o obxectivo do proxecto de investigación ACACIA-SAT levado a cabo polo grupo HidroForest da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo. Financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, este equipo de investigadoras e investigadores traballa no desenvolvemento dunha metodoloxía que, a partir de imaxes de satélite e de tecnoloxía LiDAR, permita identificar e cuantificar a extensión masas arbóreas de especies invasoras como a acacia, que poden causar graves danos ecolóxicos.
O grupo de investigación HidroForest, creado neste 2024, é o responsábel do proxecto ACACIA-SAT, que abrangue tamén o desenvolvemento “dun modelo preditivo baseado na aprendizaxe automática”, que permita estimar a evolución futura das masas de acacia.
Seleccionado na convocatoria de 2022 de axudas a Proyectos de Generación de Conocimiento, o proxecto Sinergias de Sentinel, LiDAR y bioenergía en la conservación de espacios protegidos: detección, estimación y gestión de residuos de Acacia (ACACIA-SAT) ten como investigadora principal á responsábel do grupo Hidro-Forest, Xana Álvarez. A súa finalidade “é mellorar o coñecemento da aplicación de tecnoloxías LiDAR e imaxes de satélite para a conservación da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos nas áreas protexidas”, tendo en conta que as especies exóticas invasoras son, xunto ao cambio climático, “as principais ameazas que enfronta a biodiversidade”, subliña Xana.
Asemade, o grupo Hidro-Forest, que ten até 2026 para levar adiante o seu proxecto, buscará comprobar a viabilidade dunha “metodoloxía única e innovadora para detectar especies exóticas invasoras”, así como para cuantificar aspectos como o volume de madeira ou a altura e diámetro das árbores. A investigación centrarase en dúas especies de acacia (A. dealbata e A. melanoxylon), por ser as máis estendidas nas áreas piloto do proxecto: o Parque Natural das Fragas do Eume e o Lugar de Importancia Comunitaria da Serra do Cando.
Segundo Álvarez, a selección destas áreas de estudo permitirá comparar “os resultados obtidos coa verdade-terreo”, mais a idea é que “estas ferramentas poidan empregarse en amplas zonas do territorio coa mesma problemática”. De feito, os primeiros traballos leváronse a cabo recentemente nas illas Cíes e Ons, coa colaboración do persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Asemade, outro dos eixes do proxecto é o desenvolvemento dun modelo preditivo, nun marco temporal que abrangue até 2050, dirixido a coñecer “como se distribuirá a acacia ao longo do territorio”, tendo en conta os “diferentes escenarios climáticos”. Este modelo, explica Álvarez, buscará tamén avaliar como esta evolución podería afectar “á conectividade ecolóxica en espazos protexidos”, tendo en conta ademais a “alta adaptabilidade” e a “rápida taxa de crecemento” destas especies. Isto permitiría á súa vez “avaliar as posíbeis medidas de mitigación e control da distribución da acacia a medio-longo prazo, de maneira que sirva como unha ferramenta que axude aos xestores a tomar as mellores decisións”. Así, outro dos obxectivos do proxecto é a transferencia dos resultados obtidos “para a súa integración nos sistemas de decisións e para a sensibilización da sociedade”.
Pensando en contribuír a unha “xestión integral” destas especies invasoras, outra das liñas de traballo do proxecto estará centrada no estudo do potencial enerxético da acacia. Neste punto será o catedrático Luis Ortiz o encargado de avaliar a posibilidade de empregar os residuos forestais resultantes da xestión desas masas para a xeración de biocombustíbeis, tanto pélets ou briquetas, como carbón vexetal ou biochar, liña na que contará coa colaboración do investigador Óscar González.
Amais de Álvarez, Ortiz e González, ACACIA-SAT conta tamén coa participación dos investigadores da EE Forestal: Carolina Acuña, Pedro Lago, Mario García, Carlos Peco, Diego Barba, Elena Seoane, Antonio Vidal, Sofía Villar e Juan Luis Rodríguez.