Un equipo da USC traballa na normalización de laboratorios virtuais no ámbito educativo
mércores, 16 de xullo do 2025

- Estudantes en clase traballando con cadanseu computador nunha imaxe de Santi Alvite (USC)
O equipo de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago, baixo a coordinación da investigadora do Instituto de Ciencias da Educación e profesora da USC Blanca Puig, forma parte dunha iniciativa europea para promover o uso de laboratorios virtuais (VL) no ámbito educativo, especialmente nas áreas STEM, siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática. Trátase do proxecto VHEalthLab Creation of open Access virtual laboratories for the STEM: Biology and Health Sciences.
Xunto co equipo da USC traballa a investigadora predoutoral Aurea Cadarso Rodríguez, encargada de labores de investigación que afectarán a posta en marcha destes laboratorios virtuais en aulas de ciencias de distintos países de Europa.
O equipo da USC en coordinación coa UNIC de Chipre lideran o desenvolvemento dunha guía didáctica e tres módulos formativos dirixidos tanto a futuros docentes como a docentes en activo. Estes materiais ofrecen estratexias para activar a plataforma de VHEalthLab e os laboratorios virtuais na aula baixo un enfoque pedagóxico de aprendizaxe baseado na indagación (IBL). No proxecto inclúense tres posibles escenarios de uso dos laboratorios virtuais: traballo en grupo, traballo individual ao seu propio ritmo e uso remoto, “o que permite adaptarse a diversas realidades educativas”, explican dende o equipo da USC, engadindo que unha das pezas clave deste proxecto é a inclusión educativa, de aí que a guía inclúa orientacións específicas sobre como adaptar o uso do VL para estudantes con necesidades educativas especiais, ou que non poden asistir de maneira presencial ou que non son falantes nativos do idioma. Así mesmo, inclúe un apartado específico sobre a presenza de mulleres en STEM, dirixido a visibilizar e reducir a fenda de xénero.
A posta en marcha piloto do laboratorio virtual e dos materiais deseñados pola USC xa foi realizada con éxito no Mestrado de Formación do Profesorado da USC, especialidade de Ciencias Experimentais, durante o pasado mes de xuño. Do mesmo xeito están a proceder en centros educativos de Chipre, Grecia e Romanía.
