Un equipo de Ribeira imponse na cuarta edición do certame D3Mobile

venres, 17 de xuño do 2016 Redacción

Xa temos os gañadores da cuarta edición do D3Mobile Metrology World League, o certame de modelado 3D de precisión con teléfono móbil convocado polo grupo USCAN3D da Universidade de Santiago. Trátase, para comezar, do equipo Aspaveres, do concello coruñés de Ribeira, que vén de obter o primeiro posto do campionato. O equipo salvadoreño Black Rangers, do Colexio Español Pai Arrupe de San Salvador e o equipo Awawa69 do IES Aguilar e Cano de Estepa (Sevilla) proclamáronse subcampión e terceiro clasificado, respectivamente, deste torneo. Nesta edición 2016 do torneo internacional participaron 1.348 alumnos e 249 profesores de 223 centros educativos de 37 países de todo o mundo. Ademais, case 60 equipos chegaron á final.
O equipo galego Aspaveres está integrado por Abel Muñiz Cameán, Marta Franco González, Almudena Pérez Parada e José Manuel Pena Fernández, coordinados pola profesora Margarita Saborido Ojea. Os gañadores elaboraron o modelo 3D dun calzado deportivo moi popular entre as novas xeracións, en palabras da organización do certame “un obxecto que xa foi modelado en 3D por outros participantes varias edicións anteriores e que se está convertendo xa nun clásico do campionato”. Cada alumno deste equipo recibirá un premio tecnolóxico e o centro ao que pertencen, que conseguiu tamén o primeiro premio por equipos, equipamento de laboratorio, unha subscrición á revista Educación 3.0 e unha zapatilla asinada por Pau Gasol.
Pola súa banda, o equipo Black Rangers do Salvador, formado polos alumnos Salvador Mejía Rosales, Ariel Alexander Cruz Martínez, José Alejandro Ramírez Trujillo e Carlos Rafael Gil Alvarado, e coordinados polo profesor Salvador Ernesto Rivas Leiva, rematou na segunda praza da clasificación final, tras elaborar o modelo 3D dunha estatua da Virxe María. O terceiro posto foi para os alumnos Eduardo Muñoz Tejada, Rafael Muñoz Sánchez e Sergio Gálvez Martín, do equipo estepeño Awawa69 que, coordinado polo profesor Salvador Páez Díaz, realizaron o modelo 3D dun galo.

PUBLICIDADE