Un equipo do CITMAGA desenvolve algoritmos con Avincis para combater os incendios forestais

luns, 7 de outubro do 2024 S. P.

Os matemáticos galegos do CITMAGA (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia), impulsado polas tres universidades galegas, están a colaborar no desenvolvemento de algoritmos para optimizar a xestión dos incendios forestais e a seguridade das operacións de extinción, permitindo diminuír a extensión das áreas afectadas, mellorar a coordinación entre os equipos e ampliar o tempo dispoñíbel para intervir. Subliñar que neste proxecto o CITMAGA traballa con Avincis, referente europeo en servizos aéreos de emerxencia, con base en Alacante.
Esta proposta está financiada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), no marco da Civil UAVs Initiative, unha iniciativa estratéxica pioneira en Europa liderada pola Xunta de Galicia.
O equipo do CITMAGA conta cunha ampla experiencia no desenvolvemento de algoritmos matemáticos, estatísticos e computacionais que axuden a mellorar a xestión dos incendios forestais. Unha das investigadoras principais deste proxecto con Avincis é María José Ginzo, profesora de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Santiago. Ela indica que están a crear “novos algoritmos específicos para optimizar a detección do perímetro do incendio, para mellorar a planificación de medios aéreos, e a detección combinada de posicións de aeronaves e brigadistas”. Asemade, xa conseguiron mellorar outros algoritmos desenvolvidos previamente para analizar a recorrencia de incendios, así como o cálculo da eficiencia das descargas de auga. A finalidade é mellorar a precisión na detección de incendios, a eficiencia dos recursos despregados e a seguridade. Segundo a investigadora, “estes algoritmos céntranse na aplicación de técnicas avanzadas de análises de datos, incluíndo imaxes térmicas, algoritmos de optimización e aprendizaxe automática”. Alén disto, sinala que achegaron melloras nos algoritmos existentes, optimizando a planificación de recursos, o cálculo das traxectorias que deben realizar as aeronaves e a análise de riscos de incendio.
Engadir que o proxecto tamén ten como meta o desenvolvemento dun sistema automático que permita analizar a variabilidade das pegadas das descargas de auga, contribuíndo á avaliación precisa da eficacia das intervencións aéreas.
Os novos algoritmos abranguen a creación de mapas de calor e mapas de risco, a detección en tempo real do perímetro do incendio, a estimación das traxectorias das aeronaves e o desprazamento do incendio, así como a planificación óptima de recursos aéreos. Doutra banda, desenvolverán algoritmos para avaliar a eficacia das descargas de auga, analizar a rexeneración pos-incendio e proporcionar métricas clave para o seguimento das operacións de extinción.
“Os resultados destes proxectos serán clave para o desenvolvemento de tecnoloxías que optimicen os esforzos na extinción de incendios. Isto permitirá diminuír a extensión das áreas afectadas, incrementar a seguridade dos equipos de brigadas, mellorar a coordinación durante as operacións de extinción, ampliar o tempo dispoñíbel para intervir e engadir novos recursos aéreos na loita contra grandes incendios forestais. Amais, lograrase reducir os custos de investimento, operación e mantemento, ao mesmo tempo que se incrementa a cobertura e a eficiencia do servizo”, sinalaba a encargada do equipo do CITMAGA.