Un equipo vigués, galardoado co Premio Innovación Sustentábel de HackForGood 2019

xoves, 4 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Xa sabemos os nomes dos equipos premiados no certame HackForGood 2019 de Telefónica, que ten o obxectivo de mostrar e recoñecer as mellores contribucións tecnolóxicas dos nosos desenvolvedores hackers en materia de traballo social, médico, sanitario, medioambiental, activista ou solidario en xeral. Segundo puidemos saber, o Premio de Innovación Sustentábel de Telefónica da edición HackForGood 2019 foi para o equipo BiCAReful de Vigo por ter creado un hack para emerxencias orientado a resolver o problema de posíbeis esquecementos en vehículos de nenos ou mascotas.
A aplicación galega permite medir a temperatura interior do vehículo e avisar ao propietario ou ao 112, se o primeiro non responde, para que actúen.
Telefónica, a través da súa Rede de Cátedras, co apoio da Fundación Hazloposible, Fundación Telefónica, MashmeTV e a Universidade Politécnica de Madrid, ademais da colaboración especial de EFIC e OpenWebinars, convocou unha nova edición deste histórico hackaton estatal que celebrou o pasado mes de marzo a súa sétima convocatoria. Nela participaron Vigo (novamente a través da UVigo), Cáceres, Cidade-Real, As Palmas de Gran Canaria, Madrid, Murcia, Salamanca, Sevilla, Valencia e Valladolid. Concorreron, en total, máis de 600 estudantes e 16 universidades.
Segundo salientou Alejandro Chinchilla, responsábel de Relacións con Universidades e Cátedras de Telefónica, “España xa é o cuarto destino europeo para o talento tecnolóxico, consolidándose como o segundo país da UE en atracción de emprendedores internacionais para lanzar novas compañías”. Neste senso, lembrou que HackForGood supuxo “o trampolín de saída para unha chea de startup nos seu sete anos de historia”.
Tres premios nacionais e máis de 48.000 euros en premios
Este ano 2019 repartíronse máis de 48.000 euros en premios nas súas tres modalidades: locais, nacionais e Big Day. O tres gañadores absolutos nacionais foron os equipos YUMI de Madrid, VUI Makers de Valencia e Sevilla 4 de Sevilla. Ademais do Premio de Innovación Sustentábel para o equipo BiCAReful de Vigo, tamén se outorgou o Premio Blockchain For Good ao equipo ATLAS de Madrid pola creación dun sistema de identidade dixital baseado en tecnoloxía de cadea de bloques e biometría para refuxiados internacionais.

PUBLICIDADE