Un estudo da UCGAL salienta o mal servizo de MásMóvil e Orange

venres, 4 de decembro do 2020 Marcus Fernández

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) avalía a calidade dos operadores de telecomunicacións segundo os datos da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETID) e os de reclamacións da Oficina de Atención aos Usuarios das Telecomunicacións (OAUTEL) no Estudo Calidade Operadores Telecomunicacións 2020, do que veñen de presentar as súas conclusións entre as que destaca Movistar cunha puntuación de 7,75 (un 28% por riba da media) mentres que o grupo MásMóvil cun 4,24 sería o único suspenso rexistrado no estudo. O segundo operador en puntuación sería Vodafone, que cun 7,61 estaría moi preto de Movistar, mentres que Orange, cun 6,30, atópase a bastante distancia.
Estes datos corresponden á calidade global das compañías, pois se analizamos servizos por separado podemos atopar unha desastrosa calidade do grupo MásMóvil no fixo (só 2,97 puntos) e o suspenso de Orange na calidade do servizo móbil (cun 4,95).
Cando falamos de operadores que só teñen presenza en parte do territorio español, vemos ao grupo Euskaltel cunha puntuación global de 7,79, que baixa a un 7,22 se miramos ao seu servizo móbil. A este grupo pertence R, compañía que rexistra malos resultados nos tempos de resolución das reclamacións de facturación (26 días) e nos tempos máximos de reparacións de avarías de telefonía fixa (máis de 60 horas) e de Internet (98 horas).

PUBLICIDADE