Un estudo da USC constata que as mozas son máis conscientes cós mozos dos riscos das redes sociais

mércores, 19 de abril do 2017 Fernando Sarasketa

Hoxe a Universidade de Santiago achegou novos e interesantes datos sobre os hábitos dos nosos menores nas TIC, un informe que serve de complemento ao que recentemente desvelou o Concello de Pontevedra e no que, como lembraremos, constábase a imparábel escalada da presenza de nenos e adolescentes no uso cotián de redes sociais, cos riscos evidentes que isto pode ter de non contaren con supervisión e/ou con formación previa axeitada. O estudo da USC fornece, en cambio, unha óptica de xénero. Nel sinálase, entre outras cousas, que o comportamento dos menores nas redes sociais é diferente segundo se son rapaces ou rapazas. En termos máis concretos, elas son máis conscientes ca eles dos riscos e, tamén, asumen de maneira máis integral o potencial das redes como fonte de información de utilidade.
A investigación vén da man dos investigadores do Taller Permanente de Novas Masculinidades e Cambio Social do Instituto de Ciencias da Educación da USC. Foi feita sobre a base de 634 mozas e mozos de primeiro e cuarto da ESO e ciclo medio de Santiago. O informe, igual có de Pontevedra, tamén constata un acceso temperán (temperán de máis) nas redes sociais: 11 anos na maioría dos casos en mozos e 12 en mozas.
No acto de presentación do estudo participaron o profesor de Ciencias da Educación Jorge García Marín, e a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez. O investigador chamou a atención sobre “a importancia da implicación das familias á hora de xestionar a utilización das redes sociais dos menores e engadiu unha serie de consellos”. Por exemplo, adiar na medida do posíbel a data de “recalada” das rapazas e rapaces nestas comunidades e servizos dixitais: “Canto máis tarde mellor”.
En termos xerais, o estudo amosa como os rapaces pasan máis tempo conectados ca elas e que existe “unha pluralidade de redes sociais a través das que interactúan”. A maneira na que se presentan nelas tamén posúe particularidades de xénero: “Eles soen presentar o seu perfil público utilizando fotos de persoas famosas ou imaxes obxecto relacionadas con coches, motos, fútbol, baloncesto ou personaxes de videoxogos, mentres que elas se decantan por imaxes de natureza romántica, persoal, alusivas á familia, á natureza ou a paisaxes”, informou o investigador na presentación do informe, engadindo que nel tamén se avaliou o tipo emprego que se fai das redes: as rapazas adoitan procurar información xeral, transmitir sentimentos ou acadar datos sobre traballos escolares, amais de combinar con outras amizades ou pendurar fotos, e os rapaces soen tirarlles proveito para “falar coa parella, xogar aos videoxogos, compartir imaxes persoais, coñecer xente nova, evitar o aburrimento e ligar”.
Os investigadores incluíron tamén preguntas alusivas á percepción dos perigos asociados á utilización das redes, concluíndo que “elas son máis conscientes destes riscos”. No seu punto de vista, “as redes son potencialmente perigosas por permitir o control da actividade, a posibilidade de ser vítimas de chantaxes ou a suplantación da identidade”.
O equipo de investigación que desenvolveu o traballo intégrano Jorge García Marín, Ramón Torrente García, Ana María Porto Castro e Mª Josefa Mosteiro García.

PUBLICIDADE