Unha parte da mocidade desconfía das materias STEM, segundo un estudo da USC
xoves, 18 de xaneiro do 2024
- Estudante empregando un teléfono móbil nunha imaxe de Santi Alvite (USC)
A xente de idade ve con mellores ollos a investigación científico-tecnolóxica que a mocidade e isto reflíctese polo miúdo nos seus hábitos de comunicación: os sitios web que buscan e consultan, os comentarios que deixan, etc. Esta é unha das conclusións dun estudo da USC e da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M), no que se analizou os hábitos da cidadanía en España durante a pandemia da COVID-19 en materia informativa e a súa percepción sobre o papel de xornalistas, medios, comunidade científica e autoridades gobernamentais e sanitarias.
O estudo asinado polos profesores da USC Alberto Quian e Xosé Soengas, xunto a Carlos Elías da UC3M, conclúe, entre outras cuestións, que a mocidade confía menos na ciencia que a xente de maior idade. En concreto, un 72,6% das persoas de entre 18 e 24 anos está de acordo con que a ciencia busca a verdade e a fai pública, fronte a un 90,2% de persoas adultas de máis de 65 anos que apoia esta afirmación.
Na investigación tamén se fai saber que a porcentaxe de mocidade desta mesma idade que cre que a ciencia é un perigo para a humanidade “case triplica a quen sostén esta opinión entre os máis maiores”.
Os resultados do estudo, publicado recentemente na revista Profesional de la Información, suxiren que aumenta a desconfianza na ciencia entre a mocidade, algo que explica, por exemplo, a escaseza de vocacións científicas neste segmento, tal e como apuntan os investigadores. O traballo, financiado por fondos FEDER, da Comunidade de Madrid e do Ministerio de Ciencia e Innovación, baséase nunha enquisa descritiva a unha mostra de 1.800 persoas representativas da poboación española, maiores de idade e residentes nas 17 comunidades autónomas, realizada entre o 6 e o 22 de xuño de 2022.
"É paradoxal, e moi preocupante, que as xeracións con maior acceso á información e á educación, as mellor formadas na historia de España, son as que menos información consumen e as que máis desconfían da ciencia e do xornalismo, dous eidos que comparten a procura da verdade. Debemos facer unha reflexión profunda sobre que está a pasar", sinalan Alberto Quian e Xosé Soengas. “A xente nova non quere enrolarse en carreiras STEM, de Ciencia, Tecnoloxías, Enxeñaría e Matemáticas, porque cre que a ciencia non é un método para a procura da verdade e que mesmo é perigosa para o futuro do ser humano”, indica Carlos Elías.
Os resultados deste traballo apuntan que a idade e a ideoloxía son os factores que máis condicionan o uso de diferentes tipos de fontes informativas. Segundo o estudo, as persoas que máis consultan medios de comunicación tradicionais son as que se sitúan no centro político, mentres que as de esquerdas adoitan recorrer máis a fontes oficiais (como as autoridades sanitarias); ao contrario que as que se sitúan na dereita, que prefiren máis os organismos de investigación ou as universidades. Por outra banda, “os antivacinas, en cambio, prefiren as fontes alternativas. Isto explícase porque os medios tradicionais si son favorables ás vacinas”, sinalan os investigadores.