Un estudo de Mancomun.org revela o escaso emprego do galego nos programas que usan as empresas

mércores, 21 de marzo do 2007 Raquel Noya

No eido das pequenas e medianas empresas que usan a cotío programas informáticos relacionados coa xestión dos seus datos e a comunicación, o galego semella brillar pola súa ausencia, e de xeito paradoxal, mesmo “nos paquetes de ofimática que se ofertan en galego”, a nosa lingua non aparece por ningures, tal e como apunta unha investigación levada a cabo por mancomun.org, a iniciativa da Xunta e das comunidades de usuarios galegos de programas de fonte aberta a prol do software libre. Esta iniciativa da que falamos máis arriba, desenvolvida en Betanzos, inclúe tamén entrevistas para identificar as barreiras que frean a adopción dos programas libres e promove o emprego de software libre entre as pequenas e medianas empresas galegas. A devandita investigación apunta que a meirande parte das aplicacións que empregan as empresas son propietarias e, polo tanto, de pago, polo que “en moitos casos, os pequenos empresarios adminten non poder asumir as licenzas”. Pola contra, o estudo percibe unha “receptividade moi positiva na difusión do OpenOffice.org entre as empresas”, un paquete libre traducido ó galego polo obradoiro mancomun.org e que se ofrece de balde na súa web. Asemade, o estudo revela que o “navegador Firefox é empregado con certa frecuencia dentro das empresas, e que conta cun alto grao de satisfacción por parte dos usuarios”. Na outra cara da moeda, as pemes demandan máis asesoramento para facilitar a migración de programas pechados a programas abertos e, asemade, solicitan servizos de soporte técnico e “espazos colaborativos” como portais web, nos que poder compartir servizos e custes.

PUBLICIDADE