Un estudo de Redegal confirma que case a metade dos usuarios desconfía da seguridade na Rede

venres, 17 de outubro do 2025 S. P.

Redegal, a axencia ourensá de mercadotecnia e desenvolvemento dixital, vén de analizar o aumento da pegada dixital en España nos últimos anos, facendo fincapé en como se senten as persoas respecto ao uso dos seus datos por parte das empresas. Con ese obxectivo Redegal levou adiante o estudo Somos datos, co fin de comprender mellor a relación entre usuarios e marcas arredor da xestión da información persoal.
Indo ao estudo, dicir que se fixo mediante unha enquisa a 1000 consumidores de diferentes idades e perfís, concluíndo que o volume de datos que unha persoa xera hoxe non ten comparación co de hai unha década. Case o 60% dos participantes afirma navegar máis de tres horas ao día, e máis do 55% faino principalmente desde o móbil, o que demostra que a xeración de datos é constante e móbil. “Esta realidade abre unha oportunidade enorme para as marcas, coñecer mellor aos seus clientes e anticiparse ás súas necesidades, pero tamén expón un reto igual de grande: empregar eses datos de xeito ético, transparente e útil”, sinala Redegal, destacando un dos achados máis significativos do estudo: a contradición entre o coñecemento e a confianza. Aínda que o 78,5% dos enquisados sabe que son as cookies, só o 14,30% séntese algo cómodo compartindo datos persoais en internet.
O 46% dos usuarios declara non confiar en absoluto en que as empresas protexan a súa información, e só un 7,6% expresa plena confianza. Esta fenda na percepción de seguridade consolídase como un dos principais atrancos para avanzar cara a modelos de personalización máis sofisticados.
Malia esta desconfianza, os usuarios recoñecen os beneficios dun uso responsable e intelixente dos datos. O 28,4% valora as experiencias personalizadas, mentres que un 22,6% salienta os descontos e promocións como incentivos fundamentais. Máis da metade (58,7%) percibe que os anuncios que recibe están adaptados aos seus intereses.
Con todo, só o 15,7% declara que lle gusta recibir publicidade personalizada de maneira habitual, e un 52,2% acéptaa só en parte, aínda que con certa preocupación pola súa privacidade.
Segundo Javier Castiñeiras, chief dixital officer en Redegal: “Existe un paradoxo: as persoas gozan de experiencias personalizadas, pero non se senten do todo cómodas cos mecanismos que as fan posibles. O verdadeiro valor do dato non está no seu volume, senón en como se xestiona e se transforma en valor para o usuario”.
O estudo tamén amosa que os consumidores agardan un beneficio claro a cambio dos seus datos. O 42,60% non quere que as empresas usen os seus datos. Mentres que, o 11,3% quere que se utilicen para mellorar produtos e servizos, o 26,6% para promocións personalizadas, e a 19,5% agarda que sirvan para mellorar a súa experiencia de compra. Asemade, o 51,3% afirma que estaría disposto a compartir máis datos no futuro se iso implica recibir mellores experiencias e ofertas personalizadas, sempre que entendan como se van a utilizar.
Máis da metade dos enquisados (57,1%) considera que algunhas empresas si están a aproveitar ben os datos, pero só o 19% cre que a maioría o está facendo correctamente. Este dato pon de manifesto unha gran oportunidade de diferenciación para as marcas que aposten por unha estratexia transparente e centrada no cliente.
Indo por sectores, os consumidores identifican a banca e os seguros (29,8%) como os que mellor empregan os datos para achegar experiencias personalizadas, seguido do retail (moda, tecnoloxía, supermercados) cun 27%. Pola contra, turismo, saúde e outros sectores aínda presentan unha ampla marxe de mellora.
Como conclusión final, o informe Somos datos amosa unha certeza: as persoas xeran máis información que nunca, pero iso non significa que estean dispostas a compartila sen condicións.