Un estudo sostén que ler no iPad é máis doado que no Kindle

martes, 6 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Un estudo realizado pola consultora de Jakob Nielsen comparando os métodos de lectura nun libro en papel, no Kindle de Amazon e no iPad de Apple conclúe asegurando que o soporte de lectura preferido polos usuarios segue a ser o soporte impreso (aínda que iso podería estar provocado pola experiencia previa dos suxeitos de proba), mentres que no iPad a lectura sería un 6,2% máis lenta, e no Kindle un 10,7% máis lenta, ou sexa, que a lectura no iPad (coa aplicación iBook) sería máis cómoda que no Kindle (aínda que a diferenza sería difícil de percibir), o que é unha sorpresa, pois teoricamente os dispositivos baseados en papel electrónico coma o Kindle de Amazon deberían achegar unha experiencia de uso máis semellante ao papel que as pantallas LCD.
As probas tamén compararon a lectura na pantalla do ordenador, que foi a menos satisfactoria para os usuarios, o que parece vir provocado máis pola incomodidade da postura durante a lectura (ou o feito que mentalmente asocien o PC co traballo) que da tecnoloxía empregada polos monitores. Resulta rechamante que, aínda que a velocidade de lectura dos libros impresos sexa a mellor, os usuarios atopáronse máis satisfeitos cos novos soportes electrónicos, aínda que non faltaron as críticas ao peso do iPad ou ao reducido contraste do Kindle.
Á vista destes resultados temos un futuro prometedor, na que incluso pantallas coma a do iPhone 4 poderán contribuír a facer máis cómoda a lectura de texto en dispositivos móbiles, mellorando paulatinamente o nivel de satisfacción dos usuarios.

PUBLICIDADE