Un fabricante da India presenta o móbil con Windows Phone 8.1 máis lixeiro do mercado

luns, 30 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Aínda que Nokia é a principal marca no mercado de dispositivos con Windows Phone, dende Asia non queren deixar a oportunidade de lanzar interesantes terminais co sistema operativo móbiles de Microsoft, e a compañía india Xolo presume de pór á venda a mediados de xullo o que sería o smartphone con Windows 8.1 máis lixeiro do mercado, cun peso de só 100 gramos.
O Xolo Win Q900s é un smartphone bastante equilibrado, cun procesador Qualcomm Snapdragon 200 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 32 Gb), pantalla IP de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles resistente a rabuñaduras, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, conectividade HDPA+ de ata 42 Mbps, soporte para dúas tarxetas micro SIM, batería de 1.800 mAh e un grosor de só 7,2 milímetros que, sumados ao feito de que vai venderse a só 11.999 rupias (145,89 euros) o converten nun dos dispositivos máis atractivos da súa categoría, pois pese a estarmos ante un dispositivo económico, a súa resolución de pantalla e o seu deseño delgado e lixeiro o converten nun terminal chamado a trunfar nos mercados onde estea dispoñible.

PUBLICIDADE