Un fallo en Cloudflare provoca fallos en numerosas páxinas web
martes, 18 de novembro do 2025
Durante esta mañá numerosas páxinas web comezaron a rexistrar fallos de funcionamento aleatorios, chegando incluso a estar moitos dos espazos web totalmente inaccesibles, amosando nalgúns dos casos unha páxina de erro de Cloudflare, compañía que ás 12:17 recoñeceu estar a investigar o problema para confirmar ás 11:48 que estaban ante unha incidencia global.
Nos últimos meses é habitual atopar problemas semellantes durante a retransmisión de encontros deportivos por mor dos bloqueos realizados a instancia de LaLiga, pero a escala deste problema deixaba claro que non era o caso, e agora só resta agardar a que se solucione a incidencia.
Lembremos que Cloudflare ofrece servizos de distribución de contidos a través da Internet (para permitir que os servizos en liña poidan ter unha alta dispoñibilidade en todo o mundo) así como tamén solucións de seguridade para que os servizos en liña poidan caer ante ataques de denegación de servizo.
ACTUALIZACIÓN: Ás 14:09 recoñecen ter localizado o problema e estar a aplicar un parche para corrixilo.
Ás 15:42 deuse a incidencia por resolta, aínda que non se completou a solución definitivamente ata as 18:44.
Dende Cloudflare recoñecen que o fallo da xornada de hoxe foi provocado nun fallo latente nun servizo de mitigación de bots que funcionou mal tras un cambio de configuración rutineiro que provocou unha degradación xeneralizada da súa rede, desbotando que se tratase dun ataque. Tamén entoan o mea culpa, e aseguran que o tempo que tardaron en resolver a incidencia foi inaceptable, polo que están a tomar medidas para que non se volva repetir a situación.

- Cloudflare recoñece a incidencia e traballa en solucionala
