Un foro tecnolóxico de Código Cero afonda na chegada da Rede a Galicia

domingo, 11 de marzo do 2018 Redacción

O luns ás 19:30 horas celebrarase no Auditorio 2 do Centro de Innovación Cultural (Edificio CINC) da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela o vindeiro Foro Tecnolóxico de Código Cero, que leva por título 25 anos da Rede en Galicia, e co que se pretende celebrar a chegada da Internet á nosa comunidade autónoma.
En febreiro de 1993 o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) conectouse por primeira vez coa rede de redes, a Internet, abrindo na comunidade galega a porta de acceso a todo un mundo de intercambio de información que naquel momento estaba limitado a uns poucos computadores nas universidades e entidades públicas, o que desembocaría en 1995 no despregamento da Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (RECETGA).
Para dar conta deste momento histórico participarán neste acto de entrada libre o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director do CESGA en 1993, Juan Casares-Long; o subdirector técnico do CESGA e técnico de RECETGA, José Ignacio López Cabido; o responsable de comunicacións do CESGA en 1993, Juan Luis Ruiz Buján; o profesor emérito de Física Teórica da USC, Carlos Pajares; e o autor de Historia da Informática. Unha cronoloxía, Henrique Neira. Os asistentes recibirán unha copia do mencionado libro de Henrique Neira por cortesía do CPEIG.
Dende Código Cero queremos convidar a acudir a este encontro a todo aquel interesado en coñecer os detalles da chegada dunha tecnoloxía a Galicia que mudou profundamente a nosa sociedade, indo moito máis aló dos ámbitos educativos e de investigación, e provocando toda unha transformación sociocultural da que non hai precedentes no que a velocidade de adopción se refire. Tamén procuraremos achegar o evento a través de streaming, para que estea ao alcance dos interesados na materia que non poidan acudir en persoa.

PUBLICIDADE