Un grupo neerlandés gaña o AI Song Contest 2023

luns, 6 de novembro do 2023 Marcus Fernández

O pasado sábado celebrouse o AI Song Contest 2023 nunha gala emitida a través de RTVE Play dende as instalacións de Studio Follow no polígono da Grela na cidade da Coruña. Este certame musical no que competían obras creadas coa axuda da intelixencia artificial destacaba a participación galega co tema Florespiña, que recrea a voz de Ana Kiro, e que conseguiu facerse co galardón do público presente.
O tema gañador do certa foi How would you touch me? do grupo Synthetic Beat Brigade, que con 20,5 puntos impuxéronse a Dadabots e á proposta galega. Tamén estivo presente na gala o grupo de música e baile tradicional Xacarandaina, aínda que si houbo notables ausencias, xa que quen ía presentar a gala, Neves Rodríguez, Belén Rivero e Ricardo Saavedra, pese a terse comprometido co evento, decidiron desvincularse do proxecto ante a negativa da organización de asinar un contrato de traballo e non ofrecer unhas condicións mínimas para poder realizar dignamente as súas funcións.
Finalmente o espectáculo foi conducido por Duarte Galbán, Ryan Groves e Natasha Mangal, e non parece ter conseguido a repercusión pretendida, resultando irrelevante en redes sociais e sen captar a atención do público (a canción gañadora apenas conseguiu 2 mil reproducións en YouTube nun mes, e o vídeo oficial cos 10 finalistas do concurso apenas chegou ás 900 reproducións tras 2 semanas) pese a contar con cobertura mediática.

PUBLICIDADE