Un informe recolle a situación laboral dos enxeñeiros en Informática

xoves, 20 de marzo do 2014 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, na clausura dunhas xornadas sobre eAdministración organizadas hai pouco polo colexio

Esta tarde presentouse no Edificio Politécnico do Campus das Lagoas en Ourense o Informe sobre a Situación Laboral das Enxeñarías en Informática, que retrata a realidade profesional tanto dos enxeñeiros coma dos enxeñeiros técnicos en Informática. Participaron no acto Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), e Marcos Mata, o seu homólogo no Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG); Francisco Javier Rodríguez, subdirector da Escola Superior de Informática e vogal do CPEIG; e Felicitas Rodríguez, xefa do Departamento de Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Na presentación, que tivo lugar diante dun nutrido número de estudantes, o presidente do CPEIG destacou a alta empregabilidade dos enxeñeiros, cun 91,77% traballando. Nesta porcentaxe, “é significativamente positivo que a metade dos ocupados atopara o seu primeiro emprego en menos dun mes e que a media de titulados obteña o primeiro traballo en dous meses e medio desde que comeza a procura laboral”.

Situación laboral dos enxeñeiros en Informática por sector

Dentro dos resultados que desprende o estudo, destaca tamén que o 98,17% dos que traballan o fan a xornada completa e tan só un 1,83% o fai a tempo parcial. En relación ao tipo de contrato, o 77,98% son indefinidos, “síntoma da estabilidade laboral que teñen os titulados tanto de enxeñaría coma en enxeñaría técnica informática”, sinalou o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. En canto aos sectores nos que os enxeñeiros obxecto do estudo desenvolven a súa profesión, a meirande parte (o 55,72%) traballan no eido privado, como se pode apreciar na seguinte táboa.
A idade dos enquisados está comprendida maioritariamente entre os 30 e os 42 anos, e a idade media é de preto de 37 anos. Destaca a porcentaxe de homes: 72,31 % do total, fronte a un 27,69 por cento de mulleres. Na presentación destacouse tamén que o tramo salarial máis común dos enxeñeiros e enxeñeiras en informática é o comprendido entre os 18.000€ e os 30.000€ brutos ao ano, independentemente do sector no que traballen.
Dentro da análise desagregada dos colexiados do CPEIG, a ocupación acada o 90,77% do total. Máis da metade das enxeñeiras e enxeñeiros en Informática acceden ao mercado laboral antes de rematar os estudos, principalmente no quinto curso.
Atopan o primeiro emprego ao cabo dunha media de 2,46 meses desde que comeza a busca do mesmo e na súa traxectoria profesional levan traballando nunha media de 3,18 empresas diferentes. A maioría (79,49%) traballa por conta allea, preferentemente nunha empresa do sector privado pertencente ao eido das TIC.

PUBLICIDADE