Un investigador da UDC publica en Nature os resultados da súa tese sobre integración de datos

mércores, 20 de xaneiro do 2016 Redacción

Lozano, Gestal e Dorado nunha imaxe da Universidade da Coruña

Un investigador da Universidade da Coruña, Carlos Fernández Lozano, vén de publicar os resultados da súa tese sobre integración de datos (e metodoloxías para integralos dende diferentes canles e fontes de coñecemento) na prestixiosa revista internacional Scientific Reports, que é a versión en aberto da revista Nature. Fernández Lozano é membro do Laboratorio de Redes de Neuronas Artificiais e Sistemas Adaptativos (RNASA) do Departamento de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Facultade de Informática (UDC). O seu traballo foi dirixido polos doutores Marcos Gestal e Julián Dorado. Como dixemos, a tese fornece unha metodoloxía de xestión de información multifonte: unha integración que amplía, e moito, as posibilidades de interpretación dos resultados finais de calquera tarefa que implique a entrada en xogo do Big Data (información masiva).
A través da metodoloxía proposta, sinala o autor da tese, “lógrase enfrontar un mesmo problema desde múltiples puntos de vista á vez, ficando só aquelas partes que conteñen a mellor información e facendo que ademais se agrupen, incrementando o coñecemento do modelo, para formar unha solución final seguindo o que se coñece como Fusión de Información”. Segundo engade, son precisamente ámbitos hoxe tan espallados como o Big Data os que teñen a capacidade de impulsar técnicas como a desenvolvida a través da súa tese. A maiores, este traballo pode ser aplicado a múltiples problemas e segue as directrices da estratexia Open Science do programa Horizonte2020 da Unión Europea.
O estudo, iniciado polo grupo de investigación RNASA-IMEDIR, dirixido polo profesor Alejandro Pazos, e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, contou coa estreita colaboración de investigadores pertencentes á Universidade de Bristol e á Universidade de Stanford.
Esta publicación de Nature forma parte da Tese de Doutoramento pola que Carlos Fernández Lozano obtivo a nota de Sobresaínte cum laude. A investigación segue a estratexia de Open Science do programa H2020 da UE, polo que se pode descargar libremente. Segundo explican dende a Universidade da Coruña, a publicación nesta revista científica “ten uns criterios de escolla moi esixentes, posto que a unha primeira preselección en que dous editores analizan a calidade científica, segue unha segunda revisión por tres expertos que someteron ao artigo a tres roldas de revisión ata a súa publicación”.

PUBLICIDADE