Un investigador da UVigo participa na primeira guía sobre investigación con VR no ámbito sanitario

luns, 27 de xaneiro do 2025 S. P.

Un total de 107 expertos e expertas de 14 países, entre os que se atopa o investigador do grupo HealthyFit e profesor da Facultade de Fisioterapia (UVigo) Pablo Campo, traballaron ao longo dos últimos dous anos na que sería, nas súas palabras, “a primeira guía clínica sobre investigación con Realidade Virtual, Estendida ou Aumentada no ámbito sanitario”.
A guía Rate-XR, encamiñada a achegar pautas que permitan estandarizar os estudos sobre os usos deste tipo de tecnoloxías na saúde, constitúe “un documento de consenso”, recollido nun artigo no Journal of Medical Internet Research e liderado por Michel E van Genderen, do Erasmus Medical Center de Rotterdam.
Dando continuidade a unha iniciativa previa, centrada só na RV, os promotores e promotoras desta publicación implicaron nesta iniciativa 107 expertos e expertas, principalmente dos ámbitos da medicina e da psicoloxía, que traballaron durante os últimos anos nun “documento de consenso” que puidese servir como guía para o deseño de investigacións neste ámbito e que á súa vez contribúa “a que toda a produción científica que se vaia xerando poida ser homoxénea e comparábel entre si”. Do mesmo xeito, apunta Campo, esta proposta pode ser tamén “un documento marco que sirva como ferramenta de apoio aos comités de ética que teñan que autorizar este tipo de investigacións” e, máis a longo prazo, “unha guía para poder aplicar este tipo de tecnoloxías en contornas de saúde”.
Na investigación recóllense pautas focalizadas en aspectos como a introdución da aplicación deste tipo de tecnoloxías, os métodos de análise, o deseño das probas, as intervencións ou os aspectos de seguridade e ética, co propósito que poidan servir tanto para o deseño das investigacións, como para o desenvolvemento dos protocolos ou o rexistro das intervencións.
“Do que se busca é blindar a seguridade e enmarcar especificamente cando se deben e non se deben utilizar este tipo de tecnoloxías”, salienta Campo, quen lembra que, “ao final, do que estamos a falar é de traballar cunha ferramenta nova e cunha poboación sensíbel”. De aí que esta publicación poña o foco nos aspectos éticos, na importancia de levar a cabo “exposicións controladas e curtas”, na necesidade de garantir que as intervencións non deriven en problemas como o “cibermareo” ou na necesidade de avaliar a satisfacción das e dos participantes, partindo dunha “atención centrada na persoa”, pola cal a definición das tarefas a realizar teña en conta os seus gustos e preferencias.
Como subliña Campo, os beneficios no eido clínico destas tecnoloxías constitúen unha temática de investigación “moi recente”, tendo en conta que “o primeiro dispositivo comercial de entretemento” vía a luz en 2016. Nese senso, os estudos desenvolvidos nos últimos anos polo grupo de investigación HealthyFit sobre o deseño e aplicación de programas de actividade física con Realidade Virtual inmersiva motivaron a inclusión deste investigador neste grupo de expertos e expertas. Non en van, lembra, trátase dunha liña de traballo iniciada en 2018 por este grupo de investigación da UVigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e que deu lugar ata a data “a preto de 40 publicacións, entre artigos, comunicacións en congresos e capítulos de libros”.
Ao longo destes anos, o grupo que dirixe o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela desenvolveu estudos sobre os beneficios, tanto físicos como cognitivos, de programas de exercicio físico con VR inmersiva con diferentes colectivos, colaborando con entidades e asociacións de pacientes de párkinson, alzhéimer, esclerose múltiple ou dano cerebral adquirido, así como con persoas maiores, nunha liña de traballo pioneira que foi recoñecida en 2022 nos Premios RIES do Clúster Saúde de Galicia, co premio revelación en saúde. Así mesmo, o grupo traballa neste momento nun programa de fisioterapia con VR dirixido a menores en tratamento oncolóxico, xunto co Servizo de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro, e levaba a cabo recentemente un estudo sobre as “melloras na calidade de vida e benestar emocional” que o exercicio terapéutico baseado neste tipo de tecnoloxías podía supor para pacientes con esclerose lateral amiotrófica (ELA), publicado na revista Applied Science, indexada no primeiro cuartil do Journal Citation Report (JCR).