Un investigador do CITIC recibe un prestixioso premio para investigadores mozos

mércores, 22 de xuño do 2022 Redacción

O investigador da Universidade da Coruña Álvaro Leitao vén de ser recoñecido co Premio Peter Carr Memorial for Young Researchers durante o International Congress on Computational Finance que se celebrou en Wuppertal, Alemaña.
Este premio recoñece o mellor traballo presentado por un investigador novo. Álvaro Leitao forma parte do grupo de investigación Modelos e Métodos numéricos en enxeñaría e ciencias aplicadas (M2NICA), adscrito ao Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC. Ademais do recoñecemento e a dotación económica do premio, o investigador galardoado será conferenciante plenario na próxima edición do congreso en 2024.
O Congreso Internacional sobre Finanzas Computacionais é unha conferencia internacional organizada nesta edición pola Universidade de Wuppertal. Con anterioridade se celebrou na Universidade da Coruña (2019), na Universidade de Lisboa (2017) e na Universidade de Greenwich (2015).
Nesta edición centráronse na investigación e na práctica das matemáticas e a computación financeira. Wuppertal congregou a académicos de primeiro nivel así como a expertos da industria financeira de todo o mundo. Entre outros temas que se trataron, os conferenciantes debateron sobre dous enfoques temáticos, por un lado, o risco do cambio climático, analizando os eventos extremos, risco de transición, desprazamento e migración da poboación; e, polo outro, as finanzas verdes e a transición enerxética.

PUBLICIDADE