Un investigador do CiTIUS obtén unha das seis axudas Ramón y Cajal en computación

mércores, 14 de febreiro do 2018 Redacción

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información) segue a gañar prestixio e a constituírse como referente innovador do noso tempo. Proba diso son os importantes achados científicos e tecnolóxicos da investigadora Paula López (en materia de topografía de semicondutores), do Grupo de Arquitectura de Computadores (que mellorou o rendemento dos servidores poñendo o punto o acceso á memoria), da spin-off Situm Technologies (obxecto de importantes recoñecementos recentes) ou dos investigadores Paulo Félix, Tomás Teijeiro, Constantino García e Daniel Castro, que se impuxeron no meirande desafío internacional de computación en cardioloxía clínica. Agora, puidemos saber que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte concedeu unha das 6 axudas Ramón y Cajal da área de Ciencias da Computación e Tecnoloxía Informática a José María Alonso del Moral.
Alonso, segundo informa o centro da USC, adicará un período mínimo de cinco anos ao desenvolvemento dos obxectivos fixados na competitiva axuda Ramón y Cajal. O principal obxectivo do proxecto que vén de ser referendado polo Ministerio é desenvolver novas solucións de Intelixencia Artificial que sexan quen de extraer información e de presentala de forma comprensíbel para todo tipo de usuarios. A maiores, informa o CiTIUS, estas novas solucións deberían estar dotadas da capacidade de diálogo, de tal forma que “poidan explicar aos seres humanos os fundamentos que sustentan as conclusións que obteñen os seus algoritmos”.
O centro tamén explica que a devandita é unha liña de traballo inserida na área da Intelixencia Artificial Explicábel, un eido de estudo que nos aproxima aos actuais sistemas de tipo “caixa negra” (como o Deep Learning), moi efectivos, “pero aos que resulta moi difícil identificar os fundamentos dos resultados que presentan, cando non imposíbel”. Ao longo do proxecto que agora comeza, o equipo de José Alonso combinará diferentes técnicas de Intelixencia Artificial, como Lóxica Fuzzy, algoritmos xenéticos ou sistemas de xeración de linguaxe natural. Todos eles serán empregados no desenvolvemento de solucións coa capacidade de presentar as súas conclusións aos usuarios mediante unha combinación de audio, gráficos e textos, permitindo que estes poidan adaptarse de xeito dinámico ás necesidades de cada persoa e á información requirida en cada momento.

PUBLICIDADE