Un kit libra do cable o mando da Game Cube

luns, 16 de setembro do 2024 Marcus Fernández

Estamos afeitos a ver como 8BitDo vende mandos rememorando os de consolas de videoxogos clásicas, pero desta volta a compañía sorprendeu abrindo as reservas nun kit para modificar o mando orixinal dunha Game Cube de Nintendo e convertelo nun mando Bluetooth que pode incluso aproveitarse cunha Nintendo Switch e dispositivos con Android.
Este kit, á venda por 25,98 dólares, tamén mellora a panca de xogo do mando, e incorpora unha batería que pode recargarse por USB-C, achegando unhas 6 horas de xogo tras 1-2 horas de carga. Un xeito de revitalizar un mando clásico, con certa facilidade de instalación, xa que non precisa de soldaduras.
Tras a instalación da modificación, de querer continuar a empregar o mando nunha Game Cube orixinal sería preciso empregar un receptor a maiores.

O mando modificado precisa dun receptor para poder seguir empregándose na consola orixinal