Un libro recolle a historia do ZX Spectrum
martes, 25 de outubro do 2016
Entre as novidades de
Dolmen Editorial do mes de outubro destaca un libro colaborativo de 224
páxinas a toda cor, El Mundo del Spectrum, que fai unha
viaxe ao mundo da microinformática e os videoxogos dos anos 80 que contou cunha
figura especialmente destacable: o ordenador Sinclair ZX Spectrum.
Este ordenador de orixe británica supuxo unha revolución que se fixo notar
moito en España, un dos países nos que tivo máis éxito, dando pé á chamada Idade de Ouro do Software Español. O
Spectrum destacaba por ser un ordenador o suficientemente accesible en prezo
(especialmente despois da baixada que experimentou en 1987) de xeito que chegou
a millóns de fogares, que introducíronse así na informática persoal,
principalmente de xeito lúdico e para facer memoria desta época Manuel J. Rico
Borrego, Jesús Martínez del Vas, Alejandro Ibáñez Muñoz, Javier Ortiz Carrasco,
Juan F. Torres Chica e David Saavedra Peña xuntaron forzas para repasar nun
volume de coidado deseño retro
elementos que marcaron unha época como as revistas Microhobby e Micromanía, o
emprendedor Sir Clive Sinclair, ilustradores como Alfonso Azpiri e Ponce, compañías
como Dinamic e ERBE, xogos como Robocop,
Sir Fred e La Abadía del Crimen e incluso o rol que xogou Investrónica no
mercado do Spectrum.
O prezo deste libro moi recomendable para nostálxicos é de 23,90 euros e dende
finais da pasada semana está dispoñible en numerosas librarías e puntos de
distribución de todo o Estado.
- O libro fai un repaso do mundo do ZX Spectrum cun deseño moi coidado que convida a lembrar a revolución que este pequeno ordenador supuxo na década dos 80
Vídeo promocional do libro El Mundo del Spectrum