Un manual contra a desinformación

martes, 26 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Rubén Sánchez estivo acompañado por Antón Gómez Reino na súa presentación na cidade da Coruña

O xornalista e secretario xeral de FACUA-Consumidores en Acción, Rubén Sánchez, vén de visitar Galicia para promocionar o seu último libro, Bulos: Manual de combate, no que aborda a problemática das falsidades divulgadas a través da Internet e o xeito de enfrontarse a elas.
Este novo libro de Sánchez busca que as persoas que sexan vítimas das falsidades divulgadas a través da Internet poidan adoptar un rol activo para defenderse, información que chega da experiencia de Sánchez durante os últimos anos, onde se enfrontou a todo tipo de insultos, ameazas e denuncias falsas, que en máis de 20 ocasións remataron en sentenzas xudiciais contra políticos, empresarios e «pseudoxornalistas de estrema dereita».

– Que che levou a escribir un libro sobre os bulos que circulan por Internet?
– Levoume a escribir un libro sobre os bulos que circulan non só por Internet, senón sobre os bulos en xeral, que están a podrecer a mente de moita xente e a convertelos en persoas que pasan a ser homófobas, que pasan a ser xenófobas, que adoptan unha ideoloxía de ultradereita (posiblemente sen sabelo). Foi a experiencia que, ao longo de máis de 10 anos, levo vivindo fronte a unha serie de personaxes da extrema dereita que me teñen acosado, insultado, difamado e obrigado a enfrontarme a eles tanto publicamente, desmontando os seus bulos sobre min e sobre FACUA, como levándoos aos tribunais ou resistindo ás súas acometidas xudiciais, xeralmente gañándolles.
Ademais, motivoume o feito de que en xullo deste ano puxen en marcha unha campaña de doazóns, un crowdfunding para crear unha caixa de resistencia que me permitise seguir batallando nos tribunais contra esta xente, xa que tiña máis dunha decena de causas xudiciais abertas. Preocupábame moito que iso puidese poñer en perigo a economía da miña familia, pero tiven unha enorme onda de solidariedade. En só seis días, 1.665 persoas doaron máis de 50.000 euros. Esa enerxía positiva levoume a organizar un acto, nun principio un encontro dixital para agradecerlles aos doantes o seu apoio, un acto sobre bulos. Finalmente, animeime a escribir un libro onde recollo boa parte da miña experiencia fronte aos bulos e plasmo en 33 leccións como creo que podemos combatelos.

– Estamos afeitos a ver como a desinformación se dirixe a políticos e empresas, pero podemos ser calquera obxecto dun ataque deste tipo? Como podemos defendérmonos?
– Calquera de nós pode ser obxecto dun ataque deste tipo, dunha campaña de difamación, porque todos os que usamos redes sociais vemos como, ás veces, nos cruzamos con trolls que non lles gusta o que dicimos e que chegan a insultarnos e falarnos dunha forma absolutamente groseira. Máis aló do insulto, poden aparecer ameazas, acoso constante… Hai moitas formas de defenderse.
Cada situación é distinta. Cada tipo de insulto ou acoso, e cada persoa, pode reaccionar de xeito diferente dependendo de moitos factores. Un deles é a viralidade da mensaxe. Se quen te insulta non ten seguidores e ninguén lle presta atención, non paga a pena máis que bloquealo e nin sequera contestarlle. Pero, se quen te insulta ou difama lanza un mensaxe que acada certa viralidade e que pode levar a moita xente a crer que ti es dunha ou doutra maneira, tal e como describe ese troll ou difamador, quizais sexa necesario desenvolver unha estratexia de comunicación pública para aclarar que estás sendo difamado, desmontar esa falsidade e dar a cara.
Tamén existen vías legais para defenderse: Nos tribunais, contra ameazas ou difamacións a través da vía penal por inxurias e calumnias; ou pola vía civil en casos de atentados contra o dereito á honra, a intimidade e a propia imaxe.
Se o ataque procede dun medio de comunicación, pódese recorrer ao dereito de rectificación. Primeiro, solicitando esa rectificación, e se non é atendida, mediante unha demanda de rectificación, que é relativamente rápida.
En cada caso, atoparemos fórmulas distintas para actuar dependendo dunha serie de circunstancias.

– Quen se agocha detrás desta rémora da Rede? Quen gaña algo realizando enganos masivos?
– Quen gaña con isto? Pois gañan os difamadores, porque é un negocio. É o negocio do bulo. O negocio do que eu chamo o Sindicato do Bulo: unha serie de personaxes, sobre todo da extrema dereita, que montaron negocios mediáticos para gañar moito diñeiro a costa de lanzar mensaxes que, por unha banda, poden atacar a partidos ou gobernos de esquerdas en favor de formacións que mesmo poderían estar a financiarlles con cartos públicos desde os lugares onde gobernan (como ocorre co PP e Vox).
É tamén unha vía para tentar desestabilizar o sistema, desestabilizar a nosa democracia, presentar a idea de que todos os políticos son iguais (algo que é unha tendencia cara á dereitización da xente, xa que quen di iso adoita ser, loxicamente, de dereitas). Por outra banda, tamén buscan que algúns "mesías" que xurdiron nos últimos tempos, como, por exemplo, Alvise Pérez, intenten presentarse como os auténticos salvadores, mentres o resto de políticos ou non están á altura ou son corruptos.
Ao final, tamén se van destapando irregularidades por parte deses mesmos personaxes.

– Non resulta frustrante ter que defenderse dunha calumnia en redes públicas con mecanismos tan lentos e con plataformas que miran para outro lado? Ou é aínda máis frustrante que, mesmo recorrendo e gañando na vía xudicial, a reparación dos danos causados sexa case imposible?
– Pode ser frustrante para moita xente o feito de que os mecanismos sexan lentos, que as plataformas non teñan, xeralmente, fórmulas para borrar mensaxes difamatorios cando se acreditan ou que sexan mensaxes de insultos, ameazas ou acoso. Isto ocorre porque non teñen empregados suficientes para facelo ou porque non lles interesa, como está a pasar ultimamente con X/Twitter, que se beneficia precisamente dos bulos e que claramente tende a silenciar contas de esquerdas e potenciar contas de extrema dereita.
Na vía xudicial, incluso cando se gaña, a reparación non é total. Sempre queda algo da difamación. Se unha información falsa chega a un millón de persoas, é extraordinariamente difícil que ese millón de persoas acabe sabendo que todo era mentira.
Porén, hai que enfrontarse, dar a cara e responder polas vías que cada quen teña ao seu alcance. Porque, se non o facemos, é cando nos gañan por completo.

– Que X se poña do lado dos acosadores e dos divulgadores de bulos (sendo Elon Musk un supercontaxiador), non debería levarnos a dar as costas á plataforma? Ou é xusto ao contrario?

– O problema é que hai moita xente que marcha de X/Twitter de forma masiva. Moitos porque están cansa, esgotada, e fano por saúde mental, o cal me parece absolutamente respectable. Pero tamén estamos os que non marchamos, porque entendemos que, se o facemos, estamos deixando en mans exclusivas da extrema dereita o dominio dunha rede social. Un espazo onde as cartas xa están marcadas, onde se fan trampas, pero que, en calquera caso, debemos continuar usando para desmontar discursos de odio, bulos e para intentar fomentar unha serie de mensaxes tanto no ámbito político como no informativo. Mensaxes fronte a fraudes de empresas, etc., que é ao que levo dedicándome desde que comecei a miña vida profesional como xornalista e a miña actividade como activista en FACUA.
Se rexeitamos estar nun medio de comunicación, estamos permitindo que nese medio só falen aqueles que non teñen un discurso como o noso, se todos os que temos ese discurso o rexeitamos. Moitas veces critícanme por acudir a determinados programas de televisión que poden inclinarse cara á extrema dereita, pero a cuestión é que, se non vou eu (e persoas coma min), absolutamente todos os que vaian serían tamén de extrema dereita e ninguén coñecería o noso discurso, as nosas mensaxes.

– Coa catástrofe de Valencia pola DANA vemos moita desinformación que está a callar entre a poboación. Que cres que podemos facer para protexernos deste tipo de falsidades?
– Para protexernos dos bulos, o primeiro é cuestionar calquera mensaxe que nos chegue a través das redes sociais ou de WhatsApp. Hai xente que, polo mero feito de recibir unha mensaxe por escrito, o cre. Pensan que a palabra escrita é unha especie de evanxeo, e hai que cuestionar. Hai que pedir a quen nos envíe a información cales son as súas fontes, cal é a orixe de todo, contrastar esa orixe e, deste xeito, pódense ir desmontando os bulos pouco a pouco.
Isto aplica tanto a usuarios moi básicos da información como aos usuarios premium, que somos os xornalistas e que temos a máxima responsabilidade de cuestionar todo o que nos chega e non publicar nada se non está contrastado.

– Aínda que resulte difícil aceptar que haxa quen non teña reparo en aproveitarse das desgrazas alleas, parece que todo vale para captar a atención. Podemos pensar que o gran problema é que a crispación está premiada nas redes e que a visibilidade en Internet e nos medios de comunicación é un gran negocio?
– Efectivamente, a crispación, as mensaxes falsas e os bulos están moi premiados, porque unha mentira, como dicía Mark Twain, dá a volta ao mundo antes de que a verdade teña tempo de poñerse as botas. Por tanto, os bulos nas redes provocan que moita xente acade moitos seguidores. Moitos fano, primeiro, porque senten que ser populares xa xustifica lanzar bulos e, segundo, porque os monetizan, acabando por gañar diñeiro coa difusión deses bulos.
Como protexernos? Pois creo que o primeiro é desenvolver un espírito crítico, estar en alerta, cuestionar todo o que nos chegue e buscar diversas fontes de información solventes. Apostar por medios de comunicación que co paso do tempo se demostren cribles na maioría das súas informacións e descartar outros que sexan pura maquinaria de bulos.
Tamén hai medios de comunicación que poden publicar tanto noticias veraces como falsas, pero creo que hoxe en día podemos identificar perfectamente aqueles nos que o bulo é a súa razón de ser máis habitual. Deberiamos evitar consumir información destes medios, non ler as súas noticias e, sobre todo, non compartir os seus contidos para non contribuír ao seu crecemento publicitario.

– Para concluír, darías algún consello aos consumidores para protexerse das falsidades coas que nos bombardean a diario? Trataríase simplemente de cultivar o sentido crítico ou deberiamos adoptar posturas máis proactivas?
– Para finalizar, unha das ideas que recollo no meu libro é que todos somos útiles e necesarios na guerra contra os bulos. Ao final, somos un exército os que nos enfrontamos a eles. E nese exército, ás veces tócanos exercer o papel de capitáns, de xenerais ou de soldados. Somos igual de útiles desmontando nós mesmos un bulo como, por exemplo, rechouchiando a alguén que o desmonte.
O feito de que unha mensaxe nas redes teña 10.000 rechouchíos e chegue a 5 millóns de persoas só ocorre grazas a eses 10.000 usuarios que o comparten e permiten que alcance esa viralidade. Se lanzas unha mensaxe e ninguén a comparte, ese contido chegará a moi pouca xente. Por tanto, todos somos útiles para contribuír a que se viralice como se desmonta un bulo.
O mero feito de facer clic nun rechouchío, nun gústame ou en compartir xa nos converte en soldados que están a axudar nesta guerra contra a desinformación.