Un medidor continuo de glicosa permite consultar os seus datos directamente no Apple Watch

venres, 7 de xuño do 2024 Marcus Fernández

O mercado dos smartwatches leva anos perseguindo un obxectivo moi claro: integrar entre os seus sensores de saúde un monitor de glicosa. Aínda que xa hai numerosos prototipos, polo momento non conseguen unha fiabilidade que permita a súa incorporación a un produto comercial con posibilidades de superar o control das autoridades sanitarias.
O que si hai no mercado é monitores continuos de glicosa que poden comunicarse co móbil, e un destes dispositivos, o Dexcom G7, orientado a persoas con diabetes de tipo 1 que precisan apoio adicional (como nenos), vén de dar un importante paso nos EE.UU., onde está a activar a posibilidade de que o dispositivo se comunique directamente cun Apple Watch, de xeito que pode comprobar o seu nivel de glicosa en sangue de xeito áxil e cómodo.
O monitor de glicosa Dexcom G7 pode comunicarse mediante Bluetooth co Apple Watch, achegando a información que recolle e podendo disparar alertas personalizadas aínda que o usuario non leve o seu iPhone enriba. A información tamén se integra na aplicación de saúde de Apple, para tratarse como un dato máis á hora de facer un seguimento da actividade e o estado físico do usuario.
A nova función do medidor de glicosa continuo de Dexcom funciona xa en EE.UU., Reino Unido e Irlanda, e ao longo do mes irá chegando a novos territorios, precisando para operar un Apple Watch Series 6 ou superior con watchOS 10 ou superior, e un iPhone con iOS 17 ou superior.

Vídeo promocional no que dan conta da posibilidade de usar o medidor de glicosa de Dexcom directamente no Apple Watch