Un mesturador de vídeo compacto pode retransmitir directos a través da Rede

venres, 3 de abril do 2020 Marcus Fernández

Blackmagic Design presentou un mesturador de vídeo económico, o ATEM Mini Pro, que destaca por permitir a transmisión en directo por plataformas como YouTube Live, Facebook e Twitch directamente a través de Ethernet, ou sexa, sen precisar dunha aplicación específica correndo nun ordenador persoal. Este mesturador de vídeo conta con 4 entradas HDMI e unha saída HDMI (para poder ver varias fontes de vídeo nun único monitor, así como o estado da gravación, a transmisión e a mestura de son), podendo tamén gravar arquivos de vídeo H.264 en unidades USB.
Este novo produto está a iniciar a súa distribución a través dos distribuidores dos produtos Blackmagic a un prezo de 595 dólares, e pode resultar moi atractivo para producións profesionais con varias cámaras para transmitilas en directo a través da Internet ou para a realización de presentacións empresariais a través de plataformas como Skype. O mesturador permite alternar entre 4 cámaras cunha calidade de imaxe excepcional, e incluso conectar un PC para amosar presentacións de PowerPoint ou unha consola de videoxogos, permitindo unhas retransmisións en directo nas que incluso é posible aplicar efectos visuais como empregar imaxes simultáneas (solución ideal para integrar comentarios en directo).
Os mesturadores ATEM Mini contan cun porto USB que ao conectalo a un ordenador detéctanse como unha cámara web, de xeito que son compatibles con practicamente todo o software de transmisión de vídeo a través da Internet. Os botóns deste produto serven para alternar entre fontes de vídeo e elixir distintos efectos e transicións, contando tamén cun par de entradas de micrófono, o que facilita a realización de entrevistas e presentacións. O ATEM Mini Pro permite a realización de mesturas de audio complexas, cun total de 12 canles, entre os que figuran as 4 entradas HDMI e as 2 entradas de micrófono estéreo. Tamén integra memoria para 20 imaxes que poden ser títulos, logotipos e secuencias de apertura; e incluso permite realizar efectos de croma.
Este tipo de solución pode resultar axeitada tanto para os que busquen un xeito económico de realizar sinais de vídeo, como para os que simplemente busquen unha solución compacta, xa que cun pequeno panel conectado á Internet por cable e un monitor sería posible realizar retransmisións multicámara de vídeo por Internet, simplificando moito este tipo de emisións en directo.

O Blackmagic ATEM Mini Pro ten 4 entradas HDMI e 2 entradas de micrófono, así como un porto Ethernet para realizar emisións en vivo a través da Rede

PUBLICIDADE