Un modelo 3D fai visíbel a porta falsa da Muralla de Lugo para unha mellor análise da mesma

mércores, 1 de abril do 2015 Redacción

Iniesto, Trigo e Cordero, xunto coa pirámide holográfica da Porta Folsa da muralla romana de Lugo

Tirar proveito das tecnoloxías de visualización tridimensional de cara á análise de bens e elementos patrimoniais é o que están a facer na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo da USC, situándose deste xeito á cabeza das investigacións que inclúen técnicas holográficas nas súas pescudas. Nesta nova damos conta dunha das súas últimas achegas neste eido, traballo de investigación a cargo da enxeñeira en Xeomática e Topografía, Concepción Trigo Folgueira, quen abordou unha análise comparativa das técnicas de fotogrametría de obxecto próximo e escáner láser terrestre para o levantamento e modelado 3D de elementos patrimoniais centrado na Porta Falsa da Muralla Romana de Lugo.
Logo disto, presentou as conclusións do seu proxecto nunha pirámide holográfica, xerando un modelo 3D proxectado de maneira virtual sobre un display piramidal. Nesta investigación realizada por Trigo Folgueira, baixo a dirección da profesora da EPS María José Iniesto Alba e Miguel Cordero Souto (do Sistema de Información Territorial (SIT) da USC), esta enxeñeira analizou dende unha perspectiva custo-beneficio, e estudou as vantaxes e inconvenientes das técnicas de fotogrametría e escáner láser terrestre dende a captura de datos até a súa difusión.
Na procura de datos, Trigo Folgueira empregou distintos métodos e resolucións, pasando polo procesado de nubes de puntos e fotografías, até os produtos resultantes: planos 2D e 3D, seccións, ortofotografías, modelos tridimensionais e mesmo vídeos, que non só serven para documentar o patrimonio cultural tanxible con gran precisión, senón tamén para a súa difusión.
E que é iso da pirámide holográfica? Pois estamos perante un dispositivo que emprega os principios da holografía para a reprodución de obxectos ou animacións tridimensionais ou pseudo-tridimensionais.
Para aqueles que descoñezan en que se basea a holografía, cómpre dicir que é unha técnica especial de fotografía que permite crear imaxes 3D baseadas no emprego da luz, que proxectada desde unha perspectiva axeitada, dan a sensación dun holograma, unha imaxe virtual en tres dimensións que está como flotando no aire. O display piramidal empregado para amosar o modelo 3D da Porta Falsa, consta de catro proxectores que permiten ver a proxección dun vídeo especialmente deseñado e que un sistema de prismas reúne para formar unha única imaxe 3D visible desde calquera punto.

PUBLICIDADE