Un mozo de Castro de Rei gaña a Olimpíada Informática Galega

luns, 13 de febreiro do 2023 Redacción

Óscar Carballo e Pedro Rey, gañadores da Olimpíada Informática Galega, participarán na fase nacional da competición que terá lugar en Madrid

O pasado venres celebrouse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) a Olimpíada Informática Galega (OIG 2023), organizada polo Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), as tres universidades públicas galegas e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC).
No certame participaron unha trintena de estudantes de educación secundaria (ESO), bacharelato e formación profesional de grao medio de toda Galicia, procedentes de dezaseis centros educativos e residentes na Coruña, A Estrada, Foz, Ferrol, A Baña, O Barco de Valdeorras, O Porriño, A Merca, Ourense, Ames, Santiago, Teo, Vedra e Vigo.
Os gañadores foron, en primeira posición, Óscar Carballo Puebla, natural de Castro de Rei (Lugo), e estudante de formación profesional do Colexio Liceo La Paz; e no segundo posto Pedro Rey Anca, de Ferrol e estudante de 1º de Bacharelato do IES Saturnino Montojo da cidade ferrolá.
Os dous finalistas galegos acudirán á Fase Nacional que se celebrará do 24 ao 26 marzo en Madrid. O propósito das probas nacionais é seleccionar estudantes para participar na Olimpíada Internacional de Informática 2023 que este ano terá lugar do 28 de agosto ao 4 de setembro en Szeged (Hungría).
A OIG 2023 está patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC: AWS (Amazon-Apser), Concello de Coruña, Dinahosting, DXC Technology, GDI, Mindata, Minsait, NTT Data, Sixtema e Veritas. Grazas a estas entidades patrocinadoras, o certame contou con premios adicionais para os seis primeiros clasificados.

PUBLICIDADE