Un neno de 4 anos salva á súa nai chamando a emerxencias usando Siri

venres, 24 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Cando falamos de que as tecnoloxías actuais fan cada vez máis accesible a comunicación é habitual pór como exemplo o uso que fan os cativos dos trebellos electrónicos, e unha boa mostra diso chéganos agora un suceso do que deu conta a Policía Metropolitana de Londres ao publicar unha gravación dunha chamada ao número de emerxencias 999 na que un neno de 4 anos chamado Roman foi quen de dar conta dunha urxencia médica (a súa nai estaba inconsciente).
Non só o pequeno soubo atender aos consellos dos seus proxenitores sobre como proceder en caso dunha emerxencia, senón que tamén soubo indicar o seu enderezo e responder con calma ás preguntas do servizo telefónico, o que contribuíu considerablemente a que os servizos de emerxencia puidesen atender rapidamente á súa nai e trasladala a un hospital onde conseguiu recuperarse.
Un dos detalles máis curioso do acontecido é que o teléfono empregado polo pequeno para chamar ao 999 foi un iPhone, ou sexa, que o pequeno Roman soubo coller un dedo da súa nai para desbloquear o teléfono coa súa pegada dixital e logo empregar o asistente de voz (Siri) para chamar aos servizos de emerxencia, deixando claro que as facilidades que achega a tecnoloxía para o noso día a día poden chegar a salvar vidas.

Gravación da chamada a emerxencias do pequeno Roman

PUBLICIDADE